O BNG anuncia que vai asistir á convocatoria realizada polas dúas plataformas cidadáns, -Iniciativa pola Unión e Encontro cidadán-, aberta a todas as forzas políticas para fixar posición sobre a conformación dunha candidatura galega de unidade que lle permita a Galiza ter grupo parlamentario propio no Congreso.
Imos ir a esta convocatoria aberta a todos os partidos e a todas as organizacións que queiran traballar por unha candidatura galega de unidade e iremos coa mellor disposición para sumar, sumar en clave galega, para ter grupo parlamentario en Madrid, explicou o portavoz nacional, Xavier Vence, a preguntas dos medios.
Vence lamentou que as chamadas á unidade dalgunhas forzas políticas non se correspondan despois cos feitos. Sinceramente, o que pode resultar cansino son os discursos vacuos e a falta de compromiso coas propostas e as plataformas que están traballando no país para construír unha candidatura galega de unidade, indicou o dirixente nacionalista.
Nese sentido, insta a todas as forzas políticas a participar no encontro convocado polas plataformas cidadáns, abandonando esa estratexia de declaracións vacuas e cínicas que non axudan a construír un proxecto que poda cimentar as bases dunha gran candidatura galega, recalcou.
O BNG, lembrou Vence, ven traballando por esa candidatura con absoluta xenerosidade e sen condición algunha, máis aló do que debería ser obvio para calquera forza nacionalista: construír todos e todas unha candidatura galega para ter un grupo parlamentario propio no Congreso por primeira vez na historia.
Un grupo con total autonomía para poder negociar co resto e sen supeditación a ningún grupo parlamentario de forzas estatais, explicou.
O Bloque confía en que esa reunión coas dúas plataformas permita clarificar as posicións. Precisamos ter unha gran representación en Madrid con voz propia e potente, porque será unha lexislatura na que Galiza se xogue moito. Esperemos que todos estean á altura das circunstancias, reiterou Vence.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.