
O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, salientou, no marco da apertura da II Conferencia Internacional de Enerxías Offshore, as posibilidades que ofrece o desenvolvemento desta tecnoloxía para impulsar a diversificación do sector naval e acadar novos contratos nesta industria.
O traballo dos estaleiros galegos xa lles está a permitir gañar contratos e posicionarse internacionalmente nun dos nichos de mercado máis prometedores e innovadores: o da eólica offshore, incidiu Bernardo Tahoces. Neste sentido, o director xeral sinalou que, xunto á diversificación, a aposta por esta tecnoloxía contribúe tanto a potenciar a innovación da industria naval como a mellorar a competitividade do sector do metal.
Un camiño que, segundo explicou, xa está a percorrer Galicia a través de proxectos como o Wikinger ou o Hywind, que amosan a competitividade de Navantia situando ao estaleiro como un referente desta industria.
Neste marco, Bernardo Tahoces salientou a importancia desta II Conferencia Internacional de Enerxías Offshore. Unha iniciativa que, segundo explicou, permitirá impulsar actuacións de promoción da industria offshore, facilitando a presenza de empresas e institucións en novos proxectos relacionados con este eido.
Desta forma, sinalou o director xeral, a celebración en Vigo e Ferrol deste congreso situará a Galicia, durante os dous próximos días, como punto de encontro de distintos axentes do sector, promovendo o establecemento de novas relacións comerciais.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.