Notas de prensa

Os concellos, convidados a sumarse á promoción do consumo de leite de calidade coa marca Galega 100%

A conselleira do Medio Rural e do Mar presentoulle aos municipios este selo para que, aqueles que o desexen, se unan á súa promoción e salientou o obxectivo de sumar esforzos na promoción do lácteo e de evitar unha multiplicidade de mensaxes e marcas diferentes, polo que a Xunta deseñou unha ampliación da campaña adaptada ás entidades locais que desexen voluntariamente apoiar ao sector.

A Consellería do Medio Rural e do Mar invita aos concellos a que se sumen á promoción do consumo de leite de calidade Galega 100%. A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, presentoulle aos concellos galegos este selo de calidade para que aqueles que o desexen se unan á súa promoción.

Rosa Quintana explicou que, desde que o seu departamento puxo en marcha a campaña no mes de agosto, numerosos concellos e outras entidades locais amosaron o seu interese en sumarse á súa difusión. Trasladou que diante disto, e co obxecto de sumar esforzos na promoción do lácteo e de evitar unha multiplicidade de mensaxes e marcas diferentes, a Xunta deseñou unha ampliación da campaña adaptada ás entidades locais que desexen voluntariamente sumarse e apoiar ao sector. Así, a Xunta pon a disposición das entidades locais, totalmente de balde, o deseño do material promocional para que desde as institucións o reproduzan da maneira que consideren axeitada.

A titular de Medio Rural e Mar lembrou que as entidades locais teñen moita capacidade para promocionar esta marca entre a súa veciñanza. “Hai moitos concellos con intereses leiteiros en Galicia, quen mellor ca eles para promocionar o sector da man da Xunta de Galicia”, dixo Rosa Quintana.

A conselleira reiterou que a Xunta, na súa aposta pola promoción e o consumo dos produtos agroalimentarios galegos, puxo en marcha esta campaña para reiterar e amosar o firme compromiso da Administración galega co sector leiteiro. Neste sentido, trasladou que os produtos Galega 100% son “garantía de calidade para os consumidores”.

A responsable de Medio Rural e Mar apelou ao consumo de produtos Galega 100% porque contribúe e redunda en beneficios económicos para o sector lácteo e por conseguinte nunha mellora no nivel de vida dos nosos gandeiros.

Galega 100%

Este selo de calidade identifica o leite e os produtos lácteos feitos con materia prima galega, elaborados e envasados en Galicia. A materia prima que se emprega nos produtos amparados con esta marca procede exclusivamente de explotacións leiteiras que acadan de modo continuado parámetros de calidade superiores aos esixidos pola normativa comunitaria. Esta distinción ten como principal obxectivo facer posible a identificación, por parte dos consumidores, dos produtos lácteos galegos de calidade diferenciada con tan só ver un selo.

Esta marca e a súa xestión é propiedade do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), organismo no que están representadas as industrias lácteas e os produtores de leite.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-10-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES