
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse ao labor que realiza o Consello de Contas como garante da transparencia da Administración pública e da vixencia do autogoberno. Fíxoo no acto de toma de posesión do novo conselleiro maior deste órgano estatutario, José Antonio Redondo López.
O mandatario galego sinalou que o Consello de Contas exerce unha función de torre vixía sobre a acción dos poderes públicos e correspóndelle fiscalizar o seu proceder para velar pola transparencia da xestión pública. Unha atribución que desenvolve con plena responsabilidade e independencia, dixo, o cal é síntoma de saúde democrática e simboliza un dos principais valores da autonomía de Galicia, subliñou.
Feijóo destacou que este órgano fiscalizador contribúe a afianzar no sector público principios como a ética, a solidariedade, a equidade e a eficiencia na xestión económico-financeira da Comunidade Autónoma. E salientou que tanto o nomeamento do novo conselleiro maior como, recentemente, o da nova Valedora do Pobo, Milagros Otero Parga, demostran que Galicia non quere renunciar a contar cunha Administración pública transparente, leal á cidadanía e eficiente.
Máxima transparencia e loita contra a corrupción
Mencionou así que esta Comunidade foi quen de entender a necesidade que había de redimensionar a Administración pública, pero fíxoo coidando de organismos que -como o Consello de Contas- son os piares do noso autogoberno. Galicia, proseguiu, capeou a crise e abriu a porta da recuperación preservando a adhesión social e a confianza que os galegos e galegas teñen nas súas institucións. E gañou a cambio credibilidade, porque puxo por diante o control e a transparencia da xestión pública.
O titular da Xunta lembrou que estes foron os principios que inspiraron as medidas de impulso democrático que a Xunta presentou no Parlamento a comezos de ano para dotar a acción do Executivo da transparencia máxima, para conseguir un maior control externo do Goberno, e para garantir unha maior participación cidadá na mellora do noso sistema de democracia representativa.
Nesta liña, indicou que o labor do Consello de Contas estaba no centro desas medidas pola súa función fiscalizadora dos poderes públicos autonómicos e, sobre todo, pola necesidade de prever que a corrupción atente contra a vida democrática. Por iso, lembrou que o novo conselleiro maior asume o cargo cando xa está en vigor a nova Lei do Consello de Contas que, ademais de recoller reformas técnicas no tocante á súa organización, encomenda a este órgano unha tarefa prioritaria que é a de colaborar na loita contra a corrupción.
Feijóo tamén puxo de relevo o feito de que se incorporen ademais dúas novas conselleiras a este organismo e que, por primeira vez, é unha muller a que ostenta o cargo de Valedora do Pobo, o que demostra como a igualdade de xénero se vai abrindo paso nas institucións galegas, dixo.
O presidente galego concluíu afirmando que o Consello de Contas inicia agora unha nova andaina na que, coma sempre, resaltou, será necesario para reafirmar os nosos principios democráticos como país; pero, tamén máis que nunca, será indispensable para contribuír a dignificar as institucións públicas.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.