A parlamentaria do BNG, Ana Pontón e o presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira reclamaron en sede parlamentar poñer en marcha as medidas recollidas na Declaración en defensa do galego asinada por todas as forzas políticas o 15 de xullo.
A nacionalista lembrou que a Declaración incide en retomar iniciativas para normalizar o galego polo que reclamou que a Xunta dea pasos para dar credibilidade ao que propio Partido popular asinou co resto das forzas políticas.
Catro requisitos mínimos en defensa do galego
A deputada entende que a Declaración fai un chamado a rectificar a política lingüística que aplicou o Partido popular nos últimos anos e para o BNG e a Mesa pola Normalización Lingüística, dixo, existen catro cuestións básicas que deben ser abordadas: Elaborar un novo decreto do uso do galego no ensino, abrir novos espazos de presenza do galego nos medios de comunicación, recuperar a proba do galego eliminada polo PP para o acceso á función pública e restituír nos vindeiros orzamentos a cifra do ano 2009, entorno aos 20 millóns de euros, para a Secretaría de política lingüística. Estes, dixo, serían uns compromisos mínimos que debería levar adiante o Partido popular para dar cumprimento efectivo e real a Declaración impulsada pola Mesa de Normalización Lingüística.
A parlamentaria recalcou que o galego está nun momento crítico e a Xunta debe actuar cumprindo as normas e as leis. O ensino, explicou, é unha peza fundamental e os propios datos da Xunta corroboran que un de cada catro menores de quince anos non sabe falar en galego o que evidencia que o sistema educativo non garante o establecido polo Estatuto e a Lei de Normalización Lingüística.
Pontón concluíu anunciando a presentación de diversas iniciativas parlamentarias reclamando un cambio no Decreto do uso do galego no ensino e unha modificación da lei de Función pública para que a administración galega sexa más activa na defensa dos dereitos lingüísticos dos galeg@s falantes.
Marcos Maceira pide modificar a lexislación ante o retroceso do uso do galego
Pola súa parte, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira avanzou que no último trimestre do ano intensificarán os contactos con todas as forzas políticas co fin de pasar a Declaración asinada no mes de xullo, do papel a realidade.
Maceira sumou os contactos aos concellos galegos e organizacións sociais e culturais que comparten a preocupación pola situación do galego. É hora xa, dixo, de concretar as medidas da Declaración para eliminar os obstáculos que impiden avanzar conxuntamente como pobo para un novo acordo a favor do galego, entre os que destacou: O actual decreto do ensino, a reforma da función pública que elimina a proba do galego así como a vulneración dos dereitos lingüísticos como aconteceu onte mesmo en Gondomar no que un cidadán foi informado pola Garda Civil que unha denuncia non pode ser tramitada se non é en español.
O Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística insistiu na necesidade de modificar a lei de Función pública así como todas aquelas que vaian nesa dirección. Asemade, recalcou a necesidade de normalizar o galego e a Declaración, reiterou, é un paso para concretar medidas nesa liña.
Maceira tamén denunciou o acontecido cunha menor no Centro Hípico Casas Novas en Arteixo á que lle impediron utilizar o galego con normalidade.
Finalmente, o presidente da MNL defendeu a lingua galega como o maior sinal da nosa identidade e se queremos que o noso pobo progrese no ámbito social, económico e político debe defender a súa lingua, non queremos que Galiza fique a trás nesta cuestión, manifestou.
O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.