Notas de prensa

Agadic e Agapi debaten sobre financiamento e distribución audiovisual ante o novo modelo de cine

Agadic e Agapi colaboran para ofrecerlles aos profesionais galegos unhas xornadas sobre financiamento e distribución audiovisual ante o novo modelo de cine. Teñen lugar os días 9 e 10 de setembro e contan coa participación da directora do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), Lorena González.

A Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) organiza as xornadas informativas 'O novo modelo audiovisual. Financiamento e distribución' que terán lugar os días 9 e 10 de setembro de 2015 na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. O encontro, no que se tratarán temas como as novas axudas automáticas ou a importancia do plan de marketing, conta con subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a colaboración da Entidad de Gestión de Derechos de los Productores Audiovisuales (Egeda).

As sesións desenvolveranse no Salón 2 do Edificio CINC en horario de 10.00 a 14.30 h e serán inauguradas o mércores 9 polo director da Agadic, Jacobo Sutil. A continuación, intervirá Lorena González, directora xeral do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, co relatorio 'O novo modelo audiovisual'.

O primeiro día do encontro seguirá cunha mesa redonda sobre 'O papel do produtor ante os cambios previstos no modelo de cine' (12.00-13.30 h), moderada por Chelo Loureiro, socia e produtora en Abano Producións, e na que participarán a produtora Emma Lustres (Vaca Films) e a secretaria xeral da Federación de Asociaciones de Productores Audiovisuales Españoles (FAPAE), Mabel Klimt. A última intervención correrá a cargo do director xeral de CreaSGR, Rafael Lambea, cun relatorio titulado 'CreaSGR. Unión de audiovisual Aval SGR e finanzas e servizos SGR'.

O programa do xoves arrancará ás 10.30 h cunha conferencia de Marta Baldó, directora do Máster en Film Business da ESCAC e responsable de marketing da axencia WAW, quen falará sobre 'A importancia do plan de marketing'. O derradeiro relatorio será o impartido por Pedro Peira, produtor e distribuidor en Festimania Pictures, baixo o título 'O papel da distribución na produción de contidos'.

As persoas interesadas en asistir poden reservar a súa praza enviando os seus datos ao enderezo electrónico [email protected] antes do 7 de setembro.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-09-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES