Notas de prensa

Ramón Chao recibirá unha homenaxe en Vilalba o vindeiro 28 de agosto

O escritor e xornalista Ramón Chao (Vilalba, 1935) recibirá o vindeiro 28 de agosto unha homenaxe popular na súa vila natal, como recoñecemento á súa traxectoria vital e profesional. O acto terá lugar no Paseo dos Soños da capital chairega, comezando ás 12 horas coa recepción que lle farán amigos e vecinos no Muíño do Rañego, onde se celebrará unha mesa redonda na que intervirán os representantes das entidades organizadoras.

Afonso Blanco Torrado (Asociación Cultural Xermolos); David Otero (Irmandade Manuel María da Terra Chá); Moncho Paz (xornal A Voz de Vilalba); Manuel Castro Santamariña (Instituto de Estudos Chairegos) e Juan Luis Pérez Alvajar (Ateneo Republicano de Galicia) participarán no evento, que será conducido polo xornalista Xulio Xiz, conta coa colaboración do Concello de Vilalba.

A continuación, os asistentes acompañarán a Ramón Chao (ao son da música de Mini e Mero, xunto con varios gaiteiros) ata a escultura conmemorativa -obra de Valdi- que quedará para sempre formando parte da paisaxe no Hectómetro Literario do Paseo dos Soños. Este encontro arredor do escritor e a súa obra -onde Vilalba sempre estivo presente- rematará cun xantar de confraternidade no restaurante A Nova Ruta; neste senso, a organización aconsella efectuar reserva previa no teléfono 646 413890.

Ramón Chao naceu en Vilalba en 1935 e criouse tocando o piano na fonda que rexentaban os seus pais, onde adoitaban parar figuras como Cunqueiro. Sendo bolseiro polo Concello de Vilalba e a Deputación de Lugo, trasladouse a Madrid para estudar piano, harmonía e bacharelato. De Madrid foise a París cando tiña vinte anos, con outra bolsa do Goberno español. Na capital francesa fíxose xornalista, entrando a traballar en Radio France “porque falaba galego”, segundo confesa, “pois buscaban un locutor que soubera música e portugués”.

En París, Ramón Chao dirixiu emisións radiofónicas na nosa lingua, que serían prohibidas por Franco, e foi correspondente da revista Triunfo. Tamén traballou na prensa e na televisión francesas e foi nomeado Cabaleiro das Artes e das Letras polo Goberno de Francia en 1991. Destacou como crítico Literario en Le Monde e polas súas colaboracións en Le Monde Diplomatique, publicación mensual dirixida polo xornalista Ignacio Ramonet. Conta no seu haber con máis de vinte libros, entre novelas e biografías, un deles escrito en galego, O Camiño de Prisciliano, con cuberta deseñada polo artista Miquel Barceló. Asemade, a súa novela El lago de Como, publicada en 1982, foi traducida ao galego en 2008. Na actualidade é o presidente da Asociación de Amigos de Prisciliano.

A Voz de Vilalba, 2015-08-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES