Notas de prensa

Galicia e o norte de Portugal destacan as oportunidades do período orzamentario da UE

Neste novo período orzamentario da UE, a Eurorrexión quere chegar aos 160 millóns de euros mobilizados en proxectos compartidos entre Galicia e Portugal. Rueda e o presidente da CCDR-N, Emídio Gomes, aproveitaron unha reunión do Ariem 112 para facer balance da situación da cooperación transfronteiriza e destacar iniciativas como o Job Days.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou as “oportunidades de futuro” que ofrece o novo período orzamentario da Unión Europea para a cooperación transfronteiriza entre Galicia e o norte de Portugal.

Rueda fixo estas declaracións despois dunha nova reunión do proxecto de emerxencias transfronteirizo, Ariem 112, no que tamén participou o presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-N), Emídio Gomes.

Ambos destacaron a modélica cooperación transfronteiriza entre Galicia e a rexión norte de Portugal, que se ten convertido nun referente a nivel europeo e que ano tras ano reverte no beneficio dos cidadáns de ambos os dous lados da fronteira.

Precisamente, Gomes aproveitou o encontro para facer un balance da situación da cooperación entre Galicia e o norte de Portugal , con abundantes proxectos conxuntos con aplicación práctica na realidade e na sociedade galega e portuguesa. É o caso do Ariem 112, un proxecto para compartir os recursos de emerxencias e crear un auténtico espazo común en materia de xestión de emerxencias.

Ademais das emerxencias, Galicia e o norte de Portugal tamén teñen colaborado noutros moitos casos, especialmente no ámbito económico; como, por exemplo, os Job Days, os cónclaves entre empresas de sectores estratéxicos como o téxtil; ou a creación dunha rede de incubadoras de empresas da Eurorrexión, na que se está a traballar actualmente.

No ámbito cultural destacan iniciativas en materia de turismo a favor do Camiño de Santiago; e no educativo o proxecto central é o Programa de cooperación interuniversitaria ‘Iacobus’, que este ano vai subvencionar máis de 350 estanzas nas universidades dun e outro lado da fronteira e preto de 40 no ámbito da FP, que nesta edición se incorpora ao programa.

Un punto de inflexión para a cooperación transfronteiriza
Pola súa banda, Rueda explicou que pese a este amplo “camiño andado”, estamos ante un punto de inflexión que vai permitir mesmo acelerar a velocidade da cooperación galaico-portuguesa: o arranque efectivo do novo período orzamentario da Unión Europea, ata 2020.

Para estar preparados, o Goberno galego ten practicamente ultimada a Estratexia de Especialización Intelixente da Eurorrexión, a primeira deste tipo a nivel transfronteirizo. Unha auténtica folla de ruta pola que discorrerán os investimentos nesta zona nos próximos seis anos e que sitúa de novo a Galicia á vangarda da colaboración transfronteiriza en toda a UE.

Esta estratexia resulta fundamental precisamente neste momento crucial, xa que tamén se empeza a implementar o novo POCTEP para o período 14-20. No anterior período a Eurorrexión desenvolveu 73 proxectos por un importe de case 150 millóns de euros; agora, de cara ao novo escenario o obxectivo é aumentar esta cifra e chegar ata os 160 millóns de euros mobilizados en proxectos compartidos entre Galicia e o norte de Portugal, o que suporía lograr o 40 por cento do importe total do POCTEP para toda a península.

O número dous da Xunta mostrouse convencido de poder acadar este obxectivo e mellorar así o ritmo da cooperación transfronteiriza dos últimos anos. “Aválannos a nosa experiencia en cooperación transfronteiriza e a nosa boa xestión dos fondos, recoñecida pola propia Unión Europea”, concluíu Rueda.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-07-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES