
Nunha comparecencia conxunta dos grupos parlamentarios BNG, AGE e Mixto, Jorquera denunciou que a reforma pretende limitar a capacidade dos representantes da cidadanía para exercer o seu labor de control do goberno: Non estamos pelexando por ter unha iniciativa máis ou menos, senón por defender os dereitos da cidadanía e que os seus problemas sexan debatidos con normalidade no Parlamento.
O gran beneficiado da reforma exprés do regulamento será o PP, ao igual que sucede coa renovación dos órganos estatutarios e do consello da compañía de radiotelevisión de Galiza, que supón entregar o control do ente público ao partido de Feijóo. A discrepancia do Bloque non é por unha cuestión de cotas, é por falta de transparencia, subliñou o portavoz parlamentario.
Neste sentido, o BNG cualifica de disparate a posición do partido que lidera Gómez Besteiro e fai un chamamento ao PSOE para que se plante e deixe de facer o traballo sucio ao PP, tendo en conta, ademais, o malestar que existe tanto no grupo como no partido socialista, denunciou Jorquera.
AGE
O pacto entre Partido Popular e PSdeG para reformar o regulamento do Parlamento galego en dirección contraria á profundización na democracia e ao respecto á pluralidade e para se repartir postos nos órganos estatutarios e no consello de administración da CRTVG amosa, en palabras de Yolanda Díaz, a indixencia moral do bipartidismo. O réxime que xa está en cuestión nas rúas e que saíu danado das pasadas eleccións, engadiu a viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), é o que queren apontoar con estes acordos entre PP e PSOE.
Nunha comparecencia conxunta de AGE, BNG e Grupo Mixto, Díaz explicou que se as dúas forzas do bipartidismo dan a lexislatura por esgotada, o que teñen que facer é convocar eleccións. Porque co pacto que a oposición denunciou esta mañá no Parlamento, están poñendo límites á democracia, mesmo a democracia formal, xa non á material. O novo regulamento da Cámara que PSdeG e PP pactaron ás agachadas dos escanos onde sentan a representación parlamentaria do pobo galego suporá, dixo, unha mordaza á oposición, ao reducir a capacidade de iniciativas e os tempos desta.
A viceportavoz de AGE, acompañada polo deputado Antón Sánchez, xunto a membros do BNG e Grupo Mixto, afirmou que en todo caso, a oposición tamén se vai facer dende á rúa e chamou á xente a se rebelar contra os recortes antidemocráticos. Insisto, que convoquen eleccións. O cambio está xa en marcha e non o van dar parado, concluíu.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.