Notas de prensa

Galicia Calidade reforzará a competitividade internacional do granito galego

O conselleiro de Economía, o presidente do Clúster do Granito e a Fundación Centro Tecnolóxico do Granito asinan un acordo que abre a porta do selo de garantía ao sector. A incorporación da marca funcionará como “aval da excelencia” das empresas contribuíndo a manter o bo ritmo exportador, que o ano pasado acadou un record histórico con 113 millóns, un 3.14% máis.

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, o presidente do Clúster do Granito, Guillermo Pérez Aboy, e a Fundación Centro Tecnolóxico do Granito asinaron, xunto ao xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, un acordo que permitirá incorporar o selo de Galicia Calidade ao sector, reforzando a súa competitividade ao funcionar como aval da excelencia das empresas. Unha iniciativa, subliñou Conde, que contribuirá a mellorar o posicionamento internacional dun sector que, o ano pasado, acadou un record histórico exportador ao sumar 113 millóns de euros, un 3,14% máis que no 2013.

“A calidade e a reputación do granito galego é de todos coñecida, facendo del un dos nosos sectores máis competitivos”, incidiu Conde, quen destacou que esta industria e líder indiscutible a nivel nacional, situándose como a segunda máis importante de Europa, tras Italia, e a quinta do mundo.

Así mesmo, explicou, o sector está a apostar pola innovación ocupando un lugar destacado na Estratexia de Especialización Intelixente – RIS3, que ten entre os seus retos o desenvolvemento dun novo modelo de xestión dos recursos naturais. Un compromiso coa innovación que, segundo destacou Conde, sitúa ao granito na posición adecuada para xogar un papel fundamental na reindustrialización de Galicia promovida polo Goberno galego a través da Axenda da Competitividade Galicia – Industria 4.0.

Neste contexto, proseguiu, o selo Galicia Calidade, non só potenciará a propia marca de calidade que xa está a desenvolver o Clúster para o granito Rosa Porriño, senón que mesturará “o impulso da marca galega máis internacional coas potencialidades dun sector netamente exportador”, diferenciándoo aínda máis dos seus competidores.

O conselleiro resaltou que o acordo posibilitará que o selo, que representa unha “forma distinta e galega de facer as cousas” e suma máis de 52 empresas e 300 produtos, reforzará o compromiso das empresas por ofrecer os mellores produtos e servizos. En concreto, Conde resaltou que a concesión do selo permitirá por o foco no impulso da competitividade das empresas. Neste sentido, lembrou, este ano Galicia Calidade xa ten ampliado o eido de acción a ámbitos como a biomasa ou o turismo.

O titular de Economía e Industria subliñou que desta maneira as mellores empresas galegas do granito poderán aproveitar o impulso dunha marca, a de Galicia Calidade, “recoñecida non só en toda España senón tamén no eido internacional”, grazas á presenza global de produtos únicos galegos, como é o caso do modelo Rosa Porriño. Así, defendeu, Galicia aproveitará a asociación que os consumidores fan hoxe entre produto galego e calidade, para trasladar esa mesma percepción ao ámbito do granito e potenciar a capacidade exportadora das empresas.

“Todos estes obxectivos queremos acadalos, unha vez máis, desde a unidade de acción entre a administración e o sector”, salientou o titular de Economía e Industria, quen explicou que o acordo de hoxe reforza un traballo conxunto que nos últimos anos ten permitido mobilizar 20 millóns potenciando a innovación e impulsando a vocación internacional do sector.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-07-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES