O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, anunciou que máis de 200 empresas amosaron formalmente o seu interese por participar no polo industrial e tecnolóxico de avións non tripulados impulsado pola Xunta. O Goberno galego lanzou o mes pasado unha convocatoria para que as compañías interesadas en converterse en socio industrial do proxecto, ou en participar nos procesos de compra pública innovadora que se levarán a cabo, manifestasen o seu interese. Tras o remate do prazo o pasado día 30, dixo Conde, o elevado número de compañías que responderon indica o respaldo do sector ao proxecto.
É a demostración clara de que o sector ve neste proxecto da Xunta de Galicia un elemento para desenvolver aquí en Galicia un polo industrial e tecnolóxico no eido dos avións non tripulados, sinalou Conde, que lembrou que o Goberno galego investirá 45 millóns en impulsar este polo a través da contratación dun ou varios socios industriais, así como de compra pública innovadora de tecnoloxía relacionada con este ámbito.
Ademais de compañías galegas e españolas, apuntou o conselleiro, teñen amosado o seu interese empresas procedentes de países como Estados Unidos, Israel, Romanía ou Italia. As seleccionadas terán un papel fundamental no impulso a un polo que, salientou Conde, ten como un dos seus grandes eixos ao Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas, no que Xunta e Inta están a investir dez millóns de euros, pero que tamén terá como piares outras zonas de Galicia. Neste senso, incidiu no potencial das capacidades ourensanas, a través de empresas como Aernnova ou da nova titulación en aeronáutica, e na decisiva contribución da capacidade industrial xa instalada na área de Vigo, a través de compañías como Delta Vigo e as compañías do Consorcio Aeronáutico Galego.
Conde subliñou que, precisamente, unha das claves do proxecto é a participación das pemes, centros tecnoñóxicos e universidades galegas no proxecto, aliándose coas empresas líderes doutras rexións e países. Todas elas participarán os próximos días 20 e 21 de xullo nun evento que, sinalou o conselleiro, se celebrará en Santiago, no que explicaremos as condicións para participar no proceso, e no que a Xunta porá en contacto aos candidatos para ser o gran socio industrial do proxecto, coas pemes galegas interesadas en establecer alianzas con eles.
Conde, que enmarcou esta iniciativa no impulso á reindustrialización de Galicia que marca a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, subliñou que este proxecto permitirá converter a Galicia nun referente neste ámbito, tanto desde o punto de vista tecnolóxico como industrial.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.