
O PP rexeitou no Congreso todas as emendas presentadas polo BNG ao proxecto de lei de Estradas, entre elas a emenda que pedía a transferencia da AP-9 á Xunta.
A deputada do BNG, Rosana Pérez fixo un resumo das propostas do BNG a este proxecto de lei, subliñando que a actualización da Lei de Estradas debe contribuir a unha segunda fase de transferencia de estradas que pasan íntegramente polo territorio galego, como é o caso da autoestrada AP-9, unha infraestrutura viaria que vertebra Galiza de norte a sur, e cuxo traspaso é unha vella demanda.
A petición do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario da Cámara. Lembra a deputada nacionalista que hai meses, cando levamos a debate no pleno unha proposición na que instábamos a transferir a AP-9, o grupo popular baseou a súa negativa no feito de que ía entrar a tramitación a Lei de Estradas e que era o debate idóneo para introducir propostas como esta. Emprazándonos a facelo.
O BNG logrou que se corrixa a toponimia deturpada que aparecen na Lei
Pois ben, conclúe, fixemos caso, trouxemos esta demanda através dunha emenda á lei pero está claro que o PP prefire preservar os intereses de AUDASA, antepoñéndoos aos intereses da cidadanía galega.
No caso da transferencia de estradas estatais, Rosana Pérez reclamou que o traspaso destes viais vaia acompañado da correspondente partida, xa que o estado resérvase o ingreso dos tributos, e as CC.AA e os concellos non teñen capacidade de atender o aumento de gasto que isto suporía.
Por certo, no proxecto de lei de Estradas vulnerábase completamente a toponimia oficial de Galiza como Tui, Vilagarcía de Arousa, Ferrol ou Pasaxe que aparecían no proxecto coas deturpacións de:El Ferrol, Villagarcía de Arosa, Tuy, Pasaje, entre outros moitos. Rosana Pérez reclamou nunha emenda a corrección da deformación das formas toponímicas galegas, cuestión que se vai a correxir.
Rosana Pérez dixo que a estas alturas, e despois de telo reclamado infinidade de veces por medio de iniciativas parlamentares, parécenos insultante que nunha documentación do estado aparezan formas deformadas como El Ferrol o Villagarcía. Concluiu pedindo respecto á toponimia oficial de Galiza.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.