Notas de prensa

Feijóo aposta polo traballo coordinado das 3 terminais aeroportuarias galegas para dispor dun sistema accesible e modernizado

O titular da Xunta, acompañado pola ministra de Fomento, Ana Pastor, presidiu o acto de inauguración da ampliación da pista do aeroporto de Alvedro. • Destaca o compromiso do Goberno central coas infraestruturas galegas e asegura que esta colaboración permitirá poñer en marcha o antes posible un sistema de billete combinado bus+tren que facilite o acceso aos aeroportos galegos desde calquera cidade de Galicia.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou polo traballo coordinado das tres terminais galegas para que Galicia dispoña dun sistema aeroportuario cada vez máis modernizado e accesible. É, dixo, un dos maiores desafíos que teñen por diante as cidades con aeroporto nesta nova lexislatura municipal que comeza, na que o Goberno galego, asegurou, “estará a disposición dos concellos e do Ministerio de Fomento”.

O titular da Xunta presidiu a ampliación da pista do aeroporto coruñés de Alvedro, unha actuación que, segundo resaltou, converterá este aeroporto nun espazo moito máis seguro para operar, non só grazas á propia ampliación da pista, senón tamén pola reactivación do dispositivo antinéboa.

Nesta liña, sinalou que os aeroportos galegos, e o de Alvedro de forma destacada, volven presentar signos dunha forte vitalidade. De feito, apuntou que a terminal herculina, que rozou en 2014 a meta do millón de pasaxeiros e acumula en 2015 un novo e esperanzador incremento, afronta o futuro fortalecido cos elementos necesarios para manter e mesmo elevar esa puxanza.

Billete combinado de tren e autobús

Feijóo quixo subliñar, por outra banda, o compromiso do Goberno central coas infraestruturas de Galicia, e asegurou que esta colaboración entre a Xunta e o Estado permitirá poñer en marcha o antes posible un sistema de billete combinado bus+tren que facilite o acceso aos aeroportos galegos desde calquera cidade de Galicia.

Como proba deste compromiso lembrou os 1.000 millóns de euros destinados polo Ministerio de Fomento a ampliar a mellorar a rede viaria galega; os máis de 3.000 millóns de euros que están a facer posible que o tren de alta velocidade sexa unha realidade nos prazos comprometidos; ou o investimento na ampliación desta terminal coruñesa.

“A nosa obriga como responsables públicos é estar á altura e aproveitar a oportunidade que representan os novos medios ao noso alcance, tirando deles a maior rendibilidade posible a prol da recuperación económica”, concluíu.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-07-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES