
A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, apostou por impulsar entre todos os axentes da cadea de valor do leite un plan estratéxico para este sector, que permita que produtores e industria consigan darlle un maior valor engadido ao produto. Fíxoo antes de presidir a xuntanza do Consello Agrario Galego, que se reuniu esta mañá en Santiago.
Rosa Quintana reafirmou a aposta de todas as administracións autonómicas empezando pola Xunta de Galicia e a Central na defensa da condición de sector estratéxico para o lácteo, tanto na nosa Comunidade como no conxunto do Estado.
Nesta liña, a conselleira lembrou as diferentes medidas postas en marcha polo Goberno galego para apoiar a este sector e referiuse nomeadamente aos pagos que se veñen de facer efectivos este pasado 30 de xuño da PAC. Así, explicou que esta mesma semana se aboaron en total 160 millóns de euros para o sector agrogandeiro, dos cales máis de 2 millóns son para mellora da calidade do leite e máis de 22 millóns para os gandeiros de leite que están en zonas desfavorecidas. A estes hai que engadir os 108 millóns de euros que veñen do pago único, coa parte que lle corresponde ao sector gandeiro, engadiu.
Ademais, Rosa Quintana reiterou que estamos revisando todos os proxectos de industrias lácteas que permitan acadar un maior valor engadido ao noso produto e poñendo en marcha diferentes campañas de promoción do consumo de leite (caso da centrada no leite catalogado co selo Galega 100%) ou falando coas asociacións de consumidores para desenvolver algunha campaña de acercamento dos consumidores ao noso sector gandeiro, remarcou.
A titular de Medio Rural e Mar fixo de novo un chamamento á serenidade e ao entendemento entre todos os axentes da cadea de valor do leite, porque dixo todos son complementarios e se necesitan entre si. Lembrou tamén que o pasado luns nunha reunión coa industria os seus representantes comprometéronse a que non quedara ningún litro de leite sen recoller, pero advertiu ao tempo que é preciso producir o que somos capaces de vender nun momento de complicada conxuntura internacional, cunha elevada produción e un nivel de consumo que non está respondendo tan ben como cabería agardar.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.