
A Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, Turismo de Galicia e o Clúster do Turismo organizaron unha xornada para explicar aos asociados as vantaxes e requisitos para contar co selo de garantía. O acordo asinado entre estas entidades busca incorporar antes de que remate o ano 2015 dez novos establecementos. A concesión do selo Galicia Calidade responderá a valores arquitectónicos, medioambientais, paisaxísticos, culturais e gastronómicos galegos, esixindo a presenza de produtos de orixe galega nos establecementos recoñecidos.
Deste xeito, as mellores empresas turísticas galegas poderán aproveitar o impulso dunha marca, a de Galicia Calidade, recoñecida non só en toda España senón tamén no eido internacional, grazas á presenza global dos mellores produtos galegos. Galicia aproveitará a asociación que os consumidores fan hoxe entre produto galego e calidade, para trasladar esa mesma percepción ao ámbito turístico e potenciar a capacidade para atraer visitantes.
Entre os obxectivos perseguidos polo acordo asinado están o de pór en valor as características específicas do turismo galego respecto a outros valores estándar que xa están comprendidos nas normas sectoriais como a Q de Calidade Turística; mellorar a imaxe do turismo de Galicia a través do compromiso e cumprimento dos requisitos específicos que nos diferencian ou mellorar a imaxe e promover os produtos galegos, favorecendo sinerxías entre o sector turístico e o sector produtivo e agroalimentario galego.
Na presentación da xornada, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro destacou que as múltiples posibilidades que ten o turista á hora de elixir un destino fan que o sector turístico actual sexa moi competitivo e a calidade se converta xa nunha necesidade para permanecer neste complexo mercado. Apostar pola calidade implica diferenciación e valor engadido e sitúa ao destino que se identifica como tal nunha posición de maior privilexio, afirmou.
Neste senso, Nava Castro sinalou que o esforzo desde Turismo de Galicia é diario e insistente para dotar o destino da calidade que se merece.
A responsable de Turismo da Xunta resaltou que Galicia conta con 268 empresas certificadas coa Q de Calidade Turística, 131 areais galegos atesouran o distintivo de Bandeira Azul, 37 Soles Repsol iluminan 26 restaurantes galegos e a gastronomía galega acadou neste ano 12 Estrelas Michelin. Todos estes distintivos testifican a calidade que está a acadar o sector turístico galego pero temos que continuar traballando conxuntamente procurando a exixencia constante, a mellora continua e a innovación como elemento indispensable para ser competitivos, concluíu Nava Castro.
Pola súa parte, o presidente do Clúster de Turismo, Francisco González, sinalou que coa firma do convenio demos o primeiro paso e hoxe podemos anunciar que o sector turístico conta xa cun marco de xeral cumprimento para poder integrarse dentro de Galicia Calidade". Así mesmo, o presidente do CTG destacou a importancia de apostar pola calidade como elemento diferenciador do turismo en Galicia, e especialmente por contar cun instrumento como Galicia Calidade, "cuxa traxectoria e imaxe asociada á calidade dos produtos galegos é un elemento que ofrece ao noso sector turístico un valor engadido na nosa busca da excelencia e a diferenciación", afirmou"
Requisitos de certificación
Tal e como explicou a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, para poder contar co selo de garantía os establecementos terán que contar con máis de dous anos de actividade, estar inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas e contar con licenza de actividade. Ademais deberán contar cun sistema de xestión da calidade: Q ou ISO 9001 + Compromiso de Calidade Turística SICTED.
No encontro, no que tamén participou o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, sinalouse que no apartado dos produtos, os licenciatarios deberán dispor dunha oferta gastronómica con proporción significativa de pratos galegos con referencia e inclusión de materias primas galegas de orixe certificado: denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas. Ademais haberá unha notable presenza de vinos das D.O. galegas así como augardentes e licores amparados polas IXP galegas correspondentes.
Por último, os establecementos que queiran contar co distintivo de calidade deberán contar ademais cunhas características específicas dadas pola situación, paisaxe, espazo natural, antigüidade ou singularidade da edificación, ou outras características que lle confiran un valor engadido e diferencial do turismo estándar.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.