Notas de prensa

O CPEIG e Amtega difunden as experiencias na implantación de proxectos TIC nas empresas galegas

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coa Amtega, está a organizar a xornada Mellora o teu negocio a través das TIC. A experiencia de tres PEMEs galegas. Ao abeiro desta iniciativa, tres responsables dos negocios participantes no programa de asesores TIC explicarán de primeira man o proceso para a implantación de proxectos TIC nas súas empresas e os obxectivos que esperan conseguir.

Esta xornada do CPEIG desenvolverase o xoves 18 de xuño, de 16.30 a 19.00 horas, no Centro Demostrador TIC de Santiago de Compostela. Trátase así de achegarlles a pequenos empresarios e autónomos interesados na implantación de novas tecnoloxías nos seus negocios as experiencias xa vividas en PEMEs galegas de diversos sectores. Coa difusión destes casos búscase estimular a implantación de proxectos TIC entre o empresariado de Galicia.

Programa

Tras a benvida institucional, a xerente de Conservas Galuriña, Carmen Sánchez, compartirá cos asistentes a experiencia no proceso de implantación das novas tecnoloxías na súa empresa, creada a partir do seu soño de emprender un negocio de empanadas e conservas artesás co mellor produto da zona: peixe, mariscos e algas.

Con sede no concello de Muros, Galuriña distínguese pola receita das súas empanadas, que serviron para recuperar unha receita de masas do século XIX, e pola calidade e a embalaxe das súas conservas.

A continuación, Javier Barral abordará o proceso experimentado na queixería Brexeo, creada en 1991 cando tres gandeiros de Sobrado dos Monxes deciden unirse para utilizar o leite das súas explotacións familiares na elaboración de queixo. Na actualidade ten 8 empregados e transforma entre 250.000 e 350.000 litros de leite ao mes. Está adherida aos Consellos Reguladores de Denominación de Orixe Protexida Tetilla e Arzúa-Ulloa.

Finalmente, Rafael González achegará a vivencia da implantación de novas tecnoloxías na empresa de construción González Otero, con sede en Sanxenxo. Fundada en 1979, a empresa González Otero comezou a súa andaina centrada na construción de vivendas unifamiliares. Integrada na Asociación Provincial de Empresas da Construción de Pontevedra, durante a crise foi quen de reestruturarse e volver medrar. Hoxe oferta todo tipo de obras, desde reformas ata construción de edificios. Un debate aberto cos tres relatores porá o peche ao encontro.

Asesoramento

O Programa de asesores TIC comezou a desenvolverse en 2013 co obxectivo de prestarlles apoio gratuíto a PEMEs galegas no seu proceso de mellora tecnolóxica. A iniciativa dirixiuse especialmente a negocios dos sectores da agroalimentación, mar e acuicultura e construción, representados na xornada do vindeiro 18 de xuño, así como a autónomos.

O asesoramento foi desenvolvido por profesionais con formación en Enxeñaría en Informática, colexiados e colexiadas do CPEIG, para axudarlles ás empresas a definir as súas necesidades, en función do seu modelo de negocio, e buscar as mellores solucións no marco das TICs.

Sobre o CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Constituído en decembro de 2007 e con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.

Guindeira C&E, 2015-06-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES