
A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, e o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, mantiveron un encontro coa agregada de Agricultura da embaixada de Estados Unidos en España, Rachel Blickford, na que se salientou a calidade dos produtos agroalimentarios galegos como clave para competir no mercado estadounidense.
Na reunión celebrada en Santiago abordáronse diferentes liñas de colaboración para que as empresas galegas do sector exploren e consoliden novas vías de negocio e comercialización no mercado norteamericano. Neste sentido, Blickford, que na súa estancia en Galicia está a coñecer de primeira man o proceso de produción de distintas empresas punteiras do sector agroalimentario, destacou a innovación en procesos e produtos das compañías galegas como unha vantaxe fundamental para competir en Estados Unidos.
A representante estadounidense, que onte mantivo un encontro cunha vintena de empresas do sector agroalimentario certificadas por Galicia Calidade, así como con representantes de varias denominacións de orixe, no que lles achegou as condicións deste mercado, sinalou a importancia de contar con selos que achegan garantía e confianza aos consumidores. Trala súa visita onte ás lucenses Ingapan e Regina Viarum, Rachel Blickford coñecerá hoxe as instalacións de Coren en Ourense, de Luis Escurís Batalla na Pobra do Caramiñal e a Adega Valdés, en Vedra.
As exportacións das empresas de Galicia a Estados Unidos sumaron en 2014 un total de 567 millóns de euros, un 28% máis que o ano anterior, o que confirma o interese das empresas galegas por entrar neste mercado, ao que exportaron 776 compañías da Comunidade.
O sector agroalimentario é un dos que máis están a apostar, no marco da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 que está a desenvolver a Xunta, pola procura de novos mercados para os produtos de calidade. Ademais, tal e como se subliñou no encontro, a agro-industria e a mar-industria centrarán un dos 12 plans operativos específicos para as áreas estratéxicas da economía galega contemplados na Estratexia, coa que a Xunta busca acadar as 8.000 empresas exportadoras e incrementar nun 25% o investimento estranxeiro en Galicia en 2020. Unha das liñas de traballo desta folla de ruta busca tamén reforzar a imaxe e presenza dos sectores económicos baixo a marca Galicia Calidade.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.