Notas de prensa

Galicia Calidade impulsa novas oportunidades de negocio con EEUU para o sector agroalimentario galego

Blickford visita varias empresas galegas para coñecer de primeira man os seus procesos produtivos, e manterá mañá unha reunión coa conselleira do Medio Rural e do Mar. As exportacións das empresas de Galicia a Estados Unidos sumaron en 2014 un total de 567 millóns de euros, un 28% máis que 2014.

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, participaron nun encontro de empresas que contan con este selo de garantía coa agregada de Agricultura da embaixada de Estados Unidos en España, Rachel Bickford, organizado pola sociedade dependente da Consellería de Economía e Industria co obxectivo de impulsar a busca de novas oportunidades de negocio para as compañías galegas neste país.

Na xornada técnica celebrada en Santiago, que contou cunha vintena de empresas e organismos dos sectores lácteo, conserveiro, pesqueiro ou vinícola, entre outros, Bickford informou sobre as condicións do primeiro mercado do mundo para introducir produtos agroalimentarios doutros países. As exportacións das empresas de Galicia a Estados Unidos sumaron en 2014 un total de 567 millóns de euros, un 28% máis que o ano anterior, o que confirma o interese das empresas galegas por entrar neste mercado, ao que exportaron 776 compañías da comunidade.

O sector agroalimentario é un dos que máis está a apostar por incrementar as relacións comerciais con Estados Unidos, e nestes momentos varias empresas galegas deste sector están a colaborar en dous proxectos do programa Primex, promovido polo Igape, para a súa implantación comercial no país.

Un total de 42 empresas do sector agroalimentario galego contan co selo de Galicia Calidade, varias das cales participaron no encontro desta mañá, como Estrella Galicia, Ingapán, Coren, Luís Escurís Batalla, Adega dos Eidos, Adegas Valdés, Vilarvín, Granjas Campomayor, Bodegas Ruchel, Gargalo, Grupo HGA, Lácteos Anzuxao, Kiwi Atlántico, ou A Pementeira, entre outras, así como varias denominacións de orixe coma a de Valdeorras ou San Simón da Costa.

Trala xornada técnica, a agregada de Agricultura de Estados Unidos ten previsto visitar entre hoxe e mañá varias empresas amparadas por Galicia Calidade, e mañá está previsto un encontro coa conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-06-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES