
O delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, participou hoxe na presentación de produtos galegos certificados da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa, da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega que os seus consellos reguladores realizaron na explanada do madrileño Estadio Bernabéu, dentro dunha actividade promocional que están a realizar por diferentes cidades españolas.
A campaña promocional pretende dar a coñecer as características destes produtos de calidade representativos da gastronomía galega, as súas calidades e o proceso de control para garantir a súa orixe e trazabilidade, tanto aos profesionais do sector da distribución e da hostalaría coma ás asociacións de consumidores, escolas de hostalaría e medios de comunicación. Durante a presentación puidéronse degustar os queixos de Arzúa-Ulloa, a carne de Ternera Gallega e os viños da Ribeira Sacra.
Nela participaron, entre outros, os presidentes dos tres consellos reguladores: Xosé Luis Carrera Valín, presidente C.R.D.O.P Arzúa-Ulloa; José Manuel Rodríguez González, presidente C.R.D.O. Ribeira Sacra; e Jesús González Vázquez, presidente C.R.I.X.P. Tenreira Galega.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.