
A Consellería do Medio Rural e do Mar convocará unha orde de axudas para os produtores que participen nos programas de produción e mellora dos produtos agroalimentarios galegos de calidade diferenciada, no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) para Galicia. Estas axudas van dirixidas aos produtores primarios inscritos en denominacións de calidade, mediante a contribución ao financiamento dos custes fixos que esta participación ocasiona. A Xunta destinará a esta convocatoria un total de 800.000 euros, para unha axuda cuxa contía poderá chegar ao 100% dos gastos realizados, cun teito establecido.
Así o lembrou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, no transcurso da clausura da VI edición do Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade Vinis Terrae, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, entre outras autoridades.
Este salón pon de manifesto a aposta pola calidade que realizan os viticultores e adegueiros galegos; mentres que a futura orde reflexa o apoio da Xunta para este sector, que con este tipo de achegas e outras como as destinadas á promoción no mercado europeo para produtos de calidade, se veñen de resolver axudas por un importe total de 2,2 millóns de euros.
No que respecta á exportación é importante destacar a estratexia avanzada a pasada semana polo presidente da Xunta, pola cal o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) impulsará un plan de promoción internacional dos viños de Galicia durante os dous próximos anos. Unha iniciativa na que interveñen as denominacións de orixe vitivinícolas da Comunidade.
Web da Evega
Por outra parte, Rosa Quintana participou esta mañá na presentación da nova páxina web da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), que está dispoñible no enderezo http://evega.xunta.gal/.
A conselleira destacou que este espazo en internet enmárcase na modernidade e na actualidade e que constitúe unha plataforma para interactuar cos axentes do sector, sendo tamén un punto de formación e información en materias de viticultura e enoloxía. Valorou ademais que cun simple clic a través desta web pódense consultar todas as novas sobre o sector e as actividades da Evega, tales como liñas de investigación, información de proxectos nos que participa o Centro ou cales son os programas auspiciados polos Fondos Europeos. Rosa Quintana salientou tamén que con este espazo na rede da Evega poderemos estar ao día no tocante a cursos, xornadas e seminarios desenvoltos ao abeiro do Plan Galego de Transferencia Tecnolóxica.
Sobre a importancia desta web, a conselleira indicou que só investindo no futuro, sen esquecer nunca as raíces que nos son propias, poderemos gañar o presente, e conseguiremos competir en calidade diferenciada e, desde hoxe, en nivel de igualdade tecnolóxica, co mercado exterior tanto nacional como internacional.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.