Notas de prensa

ArtesaCía presenta un documental escénico da emigración galega do século XX

Balor na acción dunha cadeira, título da montaxe que pode verse na sede do CDG, no Salón Teatro da capital galega, reconstrúe a historia de tres emigrantes no Nova York dos anos vinte cunha posta en escena contemporánea. Proxectarase tamén o documental O Piloto, de Xosé Reigosa, arredor da figura do guerrilleiro antifranquista Xosé Luís Castro Veiga.

A nova compañía ArtesaCía preséntase en Santiago de Compostela co seu segundo espectáculo, ‘Balor na acción dunha cadeira’, unha proposta que aborda a emigración galega de primeiros do século pasado desde unha linguaxe teatral contemporánea. Este “documental escénico”, tal e como é definido polos seus creadores, abre a carteleira semanal do Salón Teatro con dúas funcións mañá mércores 20 e o xoves 21, ás 20.30 horas, que darán paso a un concerto de Jacobo Paz & Dos Mundos o venres 22 e á proxección da fita ‘O Piloto’ o sábado 23.

O intento de recuperar unha historia familiar esquecida –a do bisavó do director desta montaxe, Roi Fernández– serve de motor para un proceso de creación multidisciplinar que ten o seu punto de partida nunha vella película dos anos vinte procedente da sociedade de emigrantes de Sada en Nova York. Os poucos fotogramas que sobreviven ao mofo e á humidade amosan unha nena bailando sobre unha cadeira, ao tempo que dan pé ao intento de reconstrución das imaxes perdidas e da historia de tres emigrantes galegos. Estes, tras cruzar o Atlántico por necesidade, regresan a Galicia para poñer en marcha as chamadas escolas modernas co obxectivo de lles ofrecer aos seus veciños un futuro mellor.

Recursos vangardistas

A partir de diferentes hipóteses sobre esta historia, as interpretacións da actriz Laura Villaverde e dos actores Simón Piñón e Gustavo Fouce enchen os baleiros na película para revisar a nosa tradición migratoria e reflexionar sobre a multiplicidade da historia, a educación, a cultura ou a relixión. Todo isto a través dunha linguaxe contemporánea e unha posta en escena vangardista na que se combinan o documental, o cine en directo, o ‘video mapping’, a iluminación e a composición sonora nun proceso de creación multidisciplinar.

Xunto ao trío actoral e ao director Roi Fernández, quen asina tamén a dramaturxia e mais o deseño de iluminación xunto a Héctor Pazos, ‘Balor na acción dunha cadeira’ conta co espazo sonoro composto por Madamme Cell e o vestiario de Érica Oubiña.

Esta é a segunda proposta escénica de ArtesaCía, tras a estrea en 2012 de ‘Uvas de collón de ghalo’. Agora, a formación fundada por Laura Villaverde e Roi Fernández presenta en Santiago o resultado do proxecto co que inaugurou o programa de residencias técnicas do Teatro Colón da Coruña, onde tivo lugar a estrea do espectáculo o pasado mes de febreiro. Ademais, ‘Balor na acción dunha cadeira’ contou para a súa realización cunha axuda da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) á produción escénica para compañías de nova creación.

As entradas para as súas dúas funcións en Santiago poden adquirirse no despacho de billetes do Teatro Principal (desde hoxe e ata o xoves, de 18.00 a 21.00 horas) ou no do Salón Teatro mañá e o xoves desde as 18.30 horas.

Evento de Elijomisartistas.com

A programación na sede do Centro Dramático Galego continuará o venres 22, ás 21.00 horas, cun concerto de pop-rock a cargo de Jacobo Paz & Dos Mundos e a favor da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec). Tras unha temporada apartado dos escenarios, o intérprete coruñés volve poñerse á fronte da súa banda para presentar un adianto do seu segundo disco nunha actuación programada a través da nova plataforma web Elijomisartistas.com.

Esta iniciativa, seleccionada polo programa Galician Open Future da Xunta de Galicia e Telefónica, propón un novo xeito de xestionar eventos culturais baixo demanda dos usuarios, que reservan a súa entrada de antemán co obxectivo de propiciar a actuación na súa localidade dun dos artistas rexistrados na plataforma. Garántese, así, a plena ocupación nas actividades, que comezan a organizarse unha vez obtida a demanda suficiente para completar ou superar o seu custo.

Proxección audiovisual

A oferta cultural no Salón Teatro para esta semana completarase coa proxección o sábado 23, ás 20.30 horas, do documental ‘O Piloto’. A Agrupación Cultural O Galo promove a estrea en Compostela desta fita arredor da figura do guerrilleiro antifranquista Xosé Luis Castro Veiga, coñecido popularmente como ‘O Piloto’. O fotógrafo Xosé Reigosa é o produtor e director desta fita, realizada a partir do guión de Afonso Eiré.

A entrada para asistir a esta sesión cinematográfica é gratuíta e xa se pode reservar a través do web www.acogalo.net.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-05-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Una ducia de proxeccións e cinco persoas convidadas conforman o menú da 34ª edición da Semana de Cine Submarino da UVigo, que se celebrará entre os días 3 ao 5 de novembro no auditorio da Afundación. Producións internacionais e nacionais volverán encher de público o auditorio vigués, que acollerá nunha sesión matinal a centos de escolares da provincia, e que poderá somerxerse nas profundidades das augas das Maldivas, do Caribe ou da costa norte galega.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES