Notas de prensa

O CGAI proxecta ata o 26 de maio 7 obras da cineasta francesa Claire Simon

A filmoteca galega programa unha selección de títulos desta creadora francesa, Claire Simon, homenaxeada na última edición do Festival Play-Doc de Tui. Abre este ciclo especial na filmoteca galega (CGAI) a película Les patients, que recolle o seguemento da cineasta a un médico de familia a piques de xubilarse na súa consulta dunha pequena cidade de provincias.

A cineasta francesa Claire Simon será a protagonista da programación do CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe), que proxectará na súa sede da Coruña un total de sete obras representativas do estilo desta creadora, caracterizado por situarse a medio camiño entre o documental e a ficción.

O ciclo, que inclúe pases dobre de cada un dos títulos seleccionados (ás 18.00 e ás 20.30 horas), está programado en colaboración co Festival Play-Doc, encontro que desenvolveu a súa última edición en Tui do 22 ao 26 de abril con Claire Simon como artista internacional homenaxeada.

As primeiras proxeccións de Simon no CGAI serán o 19 de maio, con ‘Les patients’, filme resultado do acompañamento durante un mes da cámara de Simon a un médico de familia a punto de xubilarse na súa consulta dunha pequena cidade de provincias; e ‘Récréations’, película filmada no patio de recreo dunha gardería, que constitúe un pequeno tratado filosófico sobre a vida en sociedade.

A estas dúas entregas seguiranlles o mércores 20 ‘Coûte que coûte’, a peripecia da apertura dunha pequena casa de comidas; o xoves 21 ‘Ça brûle’, sobre o namoramento que xorde entre Livia e o bombeiro que a socorre cando esta sofre unha violenta caída de cabalo; o martes 26 ‘Geographie humaine’ e o mércores día 27 ‘Gare du Nord’, estas dúas últimas ambientadas no cruce de camiños e de vidas que se produce día a día coa coñecida estación parisiense como escenario.

A realidade como punto de partida

As longametraxes, todas elas realizadas entre 1989 e 2013, reflicten a personalidade artística da autora, quen utiliza o campo do real (o patio de recreo, unha estación ou unha personaxe) como punto de partida ben para construír unha historia inventada ou ben para se desdobrar formalmente entre realidade e ficción.

Ademais, na extensión en Ourense que mantén o CGAI xunto coa Asociación Cultural Cineclube Padre Feijoo, a Biblioteca Pública Nodal acollerá tamén a obra de Claire Simon. En concreto, ‘Coûte que coûte’ poderá verse mañá 18 de maio; ‘Mimi’ o día 25 e ‘Gare du Nord’ o 1 de xuño.

A vida dos Chévere

O CGAI fará unha parada na atención continuada que nos próximos días lle prestará a Claire Simon para ofrecer o sábado 23 de maio a proxección do documental ‘A viaxe dos Chévere’, do realizador galego Alfonso Zarauza, premio Mestre Mateo 2015 á mellor dirección polo filme ‘Os fenómenos’.

‘A viaxe dos Chévere’ é un achegamento filmado ao traballo e á vida dos compoñentes desta emblemática compañía escénica galega, galardoada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte co Premio Nacional de Teatro 2014. A través dunha mirada moi persoal e poética que mestura teatro e cinema, Zarauza reflicte o material conseguido no seu acompañamento diario durante varios meses aos Chévere. A proxección será na sala do CGAI (Durán Loriga, 10) ás 18.00 horas, dentro do apartado Off Galicia, e con entrada gratuíta.

A programación completa pode consultarse na web www.cgai.org

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-05-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Una ducia de proxeccións e cinco persoas convidadas conforman o menú da 34ª edición da Semana de Cine Submarino da UVigo, que se celebrará entre os días 3 ao 5 de novembro no auditorio da Afundación. Producións internacionais e nacionais volverán encher de público o auditorio vigués, que acollerá nunha sesión matinal a centos de escolares da provincia, e que poderá somerxerse nas profundidades das augas das Maldivas, do Caribe ou da costa norte galega.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES