O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou na clausura da feira náutico-pesqueira Expomar, que se celebra na localidade luguesa de Burela desde o xoves, o papel deste encontro como escaparate da competitividade e do liderado galego nos sectores naval, pesqueiro e conserveiro.
Conde, que estivo acompañado polo alcalde, José María González Barcia, sinalou así mesmo o importante papel deste encontro, que chega á súa décimo sexta edición, na transferencia das últimas innovacións da industria marítima e pesqueira ao mercado.
Así, o responsable de Economía e Industria salientou que Expomar permite asomarnos ao futuro da pesca, apuntando que Galicia está levando a cabo este futuro optimizando a eficiencia enerxética das embarcacións; implementando melloras de software; impulsando a eficiencia e a competitividade; deseñando novas instalacións frigoríficas; robotizando tarefas, ou mellorando a seguridade e o salvamento.
O conselleiro apuntou o papel que neste futuro xogan centros tecnolóxicos como Anfaco, ou a transformación do CIS Galicia no canalizador dunha nova era da innovación de cara ao naval 4.0, así como a posta en marcha de programas innovadores como o Innterconecta ou o Conecta Pemes.
Do mesmo xeito, Francisco Conde sinalou na súa intervención na clausura de Expomar a unidade de acción como a razón de que década tras década esta feira e Burela sigan a ter éxito impulsando o liderado da pesca galega.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.