O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, destacou as artes escénicas como un ámbito punteiro no intercambio cultural entre Galicia e Portugal e apostou por seguir impulsando as relacións transfronteirizas para a creación de proxectos comúns.
Así o asegurou na xornada de apertura do ciclo 'Portugal-Galicia: Escenarios para un encontro', que se desenvolve no Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa (TNDMII) os días 12, 19 e 26 de maio. No marco da mesa redonda 'Galicia-Portugal, culturas en diálogo', Jacobo Sutil tamén salientou as frutíferas experiencias de colaboración que, neste sentido, está a levar a cabo o Centro Dramático Galego (CDG).
De feito, o ciclo de actividades promovido na capital portuguesa pola Secretaría Xeral de Cultura enmárcase na estrea, o pasado día 7, da versión lusa da obra 'Saxo tenor', de Roberto Vidal Bolaño, o primeiro título da dramaturxia galega levado ás táboas polo principal teatro público portugués, que continúa a representarse na sala Garrett do D. Maria ata o 24 de maio. Este fito foi posible polo acordo para o intercambio de obras de autoría galega e portuguesa para incorporar aos repertorios do CDG e do TNDII, en virtude do que a compañía galega produciu e está a distribuír na actualidade Xardín suspenso, orixinal do autor portugués Abel Neves e con dirección de escena de Cándido Pazó. A versión galega de Xardín suspenso representarase tamén diante do público lisboeta do 28 ao 31 de maio.
Outras iniciativas, outros puntos de contacto
O achegamento de Galicia á escena do país veciño comprende, así mesmo, outras iniciativas, tales como o proxecto Nós. Territorio (Es)Cénico Portugal-Galicia, unha experiencia que se desenvolverá ata 2016 co obxectivo de fundar un espazo común de traballo entre os estudantes das escolas superiores de teatro de Galicia e de Portugal, ou a atención especial que se lle dedica na carteleira do Salón Teatro de Santiago á actualidade escénica portuguesa, coa recente presenza de formacións como a Companhia de Teatro de Braga, Teatro Bruto, o Teatro de Almada ou a plataforma PELE e Grupo de Teatro de Surdos do Porto, entre outras.
Polo demais, 'Portugal-Galicia: Escenarios para un encontro' está a procurar novos puntos de contacto entre as culturas de ambas as beiras do Miño a través da literatura, da música, do audiovisual e mais do teatro.
Mesa redonda, poesía e cine
A programación, que inclúe tres xornadas, arrancou coa mesa redonda na que recoñecidos especialistas en materia cultural de Portugal e de Galicia reflexionaron sobre as complicidades, relacións e interaccións entre as dúas culturas. Xunto co director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria tamén participaron a vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o director do Instituto Cervantes de Lisboa, Javier Rioyo; o director do Jornal de Letras', José Carlos Vasconcelos, e o subdirector da Dirección Xeral do Patrimonio de Portugal, Samuel Rego, que actuou de moderador.
O martes 19 de maio, as letras galegas e portuguesas uniranse no recital poético Voces compartidas', da man das poetas galegas Yolanda Castaño, Eva Veiga e Alba Cid, xunto coa portuguesa Maria João Cantinho. A xornada continuará cun concerto a cargo do compositor galego Xoán Curiel, acompañado polo músico brasileiro Sérgio Tannus.
O ciclo pechará o día 26 coa proxección do filme 'Doentes', de Gustavo Balza, baseada na obra homónima de Roberto Vidal Bolaño. O director do CDG será o encargado de presentarlle ao público a figura do dramaturgo galego.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.