
A compañía Talía Teatro desembarca no Salón Teatro de Santiago de Compostela coas súas dúas últimas propostas para público familiar e adulto Sopa de sapo e Demolición, respectivamente, que se representan na sede do Centro Dramático Galego en función dobre desde o xoves 14 ata o domingo 17.
Estas catro xornadas darán comezo ás 18.00 horas co espectáculo Sopa de sapo, unha comedia escrita e dirixida por Artur Trillo que nos mergulla nos contos tradicionais de bruxas e feitizos. Recomendada para unha franxa de idade de entre 6 e 11 anos, trátase dunha historia sobre unha familia de meigas, á que nesta ocasión dan vida Carla Capeáns, Diego Rey, Marta Ríos e Rubén Prieto.
Tras as representacións de Sopa de sapo, as portas do Salón Teatro volverán abrirse ás 20.30 horas para a montaxe Demolición, escrita e dirixida para Talía por Cándido Pazó e protagonizada por Toño Casais e Artur Trillo. En palabras da propia compañía, trátase dun comidrama co fracaso colectivo e a fraxilidade humana como pano de fondo. A especulación e a crise inmobiliaria serven de motor argumental para unha peza que se constrúe a partir da divertida relación entre os seus dous personaxes e dos seus enxeñosos diálogos, así como das reflexións que estes suscitan no público.
Venda de entradas
As entradas para ambos os espectáculos están xa á venda a través do web entradas.abanca.com e no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto de 18.00 a 21.00 horas. Os días das funcións, tamén poderán adquirirse na billeteira do propio Salón Teatro desde as 16.00 horas. Demolición inclúese, así mesmo, na oferta do Bono de Teatro Galego (e Portugués), promovido conxuntamente polo Concello de Santiago de Compostela e a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).
Cunha decena de montaxes en xira e 37 realizadas desde a súa fundación en 1988, Talía Teatro confírmase como unha das formacións escénicas galegas con maior capacidade de produción e distribución a partir de obras que definen un estilo propio e orixinal. As súas máis recentes producións chegan agora ao Salón Teatro, onde a compañía xa desenvolveu a primeiros de ano unha campaña escolar cos seus dous espectáculos sobre o galego: Bicos con lingua e Pelos na lingua.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.