Notas de prensa

Ritmo brasileiro para as cancións de Víctor Manuel a través do músico Vaudí

O recital de Vaudí, que pon ritmo brasileiro ás cancións do cantautor español Víctor Manuel, forma parte do ciclo Sons da diversidade promovido desde o Concello de Santiago de Compostela no Salón Teatro da capital galega. Vaudí e a súa banda interpretan os éxitos máis coñecidos do cantautor asturiano versionados en clave de bossa, jazz ou música popular do Brasil.

Vaudí Cavalcanti ofrece o martes 12 de maio no Salón Teatro de Santiago o concerto de presentación ao público compostelán do seu último traballo discográfico ‘Un poco de ti’, no que o músico e a súa banda revisan once cancións de Víctor Manuel en clave brasileira. O recital, que dará comezo ás 20.30 horas, forma parte do ciclo ‘Sons da diversidade’, organizado polo Concello de Santiago.

Vaudí (voz e guitarra), Samuel Rodríguez (teclado), Tony Cruz (baixo) e Carlos Mankuzo (batería) compoñen a formación que interpretará sobre o escenario éxitos tan coñecidos como ‘Nada sabe tan dulce como tu boca’ ou ‘Solo pienso en ti’, pasados pola peneira da bossa, o jazz ou a música popular brasileira.

O propio Vaudí, convidado por Víctor Manuel, foi o encargado de abrir os multitudinarios concertos celebrados recentemente en Oviedo para conmemorar os 50 anos de carreira do cantautor asturiano.

Orixinario de Pernambuco (Brasil) e residente en España desde 1993, Vaudí posúe unha traxectoria artística que se caracteriza pola fusión cultural e musical entre os dous países. Editou o seu primeiro disco no noso país en 2000 baixo o título ‘Algo de Brasil’, ao que seguiron outros cinco álbums antes de chegar a este último. De feito, en ‘Un poco de ti’, o artista quere homenaxear tamén a terra asturiana que o acolleu hai máis de 20 anos.

As entradas para asistir ao concerto están á venda na billeteira electrónica entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443, e nos horarios habituais de despacho do Teatro Principal. Tamén se poden adquirir mañá no Salón Teatro a partir das 18.30 horas e ata o comezo da actuación.

Tras este concerto, o Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continuará coa súa carteleira escénica semanal para recibir a compañía galega Talía, que representará os seus dous espectáculos ‘Sopa de sapo’ e ‘Demolición’ entre o xoves 14 e o domingo 17 de maio.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-05-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Una ducia de proxeccións e cinco persoas convidadas conforman o menú da 34ª edición da Semana de Cine Submarino da UVigo, que se celebrará entre os días 3 ao 5 de novembro no auditorio da Afundación. Producións internacionais e nacionais volverán encher de público o auditorio vigués, que acollerá nunha sesión matinal a centos de escolares da provincia, e que poderá somerxerse nas profundidades das augas das Maldivas, do Caribe ou da costa norte galega.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES