Notas de prensa

As culturas galega e portuguesa dialogan en Lisboa coa música, a literatura, o teatro e o audiovisual

Especialistas de ambos os territorios, as poetas Yolanda Castaño, Eva Veiga, Alba Cid e Maria João Cantinho, xunto cos músicos Xoán Curiel e Sérgio Tannus, participan en Portugal-Galicia: Escenarios para un encontro. A estrea da versión lusa de Saxo tenor abre no Teatro D. María II a semana das Letras.

As culturas galega e portuguesa reforzan os seus lazos cun ciclo de actividades promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, que se desenvolverá ao longo do mes de maio no Teatro Nacional D. Maria II (TNDM II) de Lisboa. ‘Portugal-Galicia: Escenarios para un encontro’ é o título baixo o que se presenta esta iniciativa, que procura novos puntos de encontro entre as culturas de ambas as beiras do Miño a través da literatura, da música, do audiovisual e mais do teatro.

A programación, que inclúe tres xornadas, arrancará na semana das Letras, o martes 12 de maio, cunha mesa redonda na que recoñecidos especialistas en materia cultural de Portugal e de Galicia reflexionarán sobre as complicidades, relacións e interaccións entre as dúas culturas. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; a vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o director do Instituto Cervantes de Lisboa, Javier Rioyo; e o director do ‘Jornal de Letras’, José Carlos Vasconcelos, participarán na mesa ‘Galicia e Portugal, culturas en diálogo’, moderada polo subdirector da Dirección Xeral do Patrimonio de Portugal, Samuel Rego.

Unha viaxe literaria e musical

A literatura e a música tamén tenderán pontes entre Galicia e Portugal. O martes 19 de maio, as letras galegas e portuguesas uniranse no recital poético ‘Voces compartidas’, da man das poetas galegas Yolanda Castaño, Eva Veiga e Alba Cid, xunto coa poeta, crítica literaria e ensaísta portuguesa Maria João Cantinho. Cunha escolma dos seus versos, moitos deles inéditos, as catro poetas convidarán o público a realizar unha viaxe literaria entre Galicia e Portugal.

A continuación, o tránsito polos lazos culturais entre os dous territorios continuará na voz do cantante e compositor Xoán Curiel, un dos valores actuais da música galega. Acompañado polo artista brasileiro Sérgio Tannus, presentará algúns dos temas que formarán parte do seu novo traballo discográfico, ‘Estou lá’. Cancións en galego e portugués creadas en diferentes xiras por países como Brasil, Portugal e Arxentina que falan dos encontros e da necesidade de atravesar fronteiras, así como de xerar pontes artísticas e creativas.

Vidal Bolaño na pantalla

O ciclo, que se desenvolverá en todas as xornadas a partir das 19 horas no Salón Nobre do TNDM II, con entrada libre, enmárcase na estrea da versión lusa da obra de Roberto Vidal Bolaño ‘Saxo tenor’, primeiro título da dramaturxia galega levado ás táboas polo principal teatro público do país veciño, que se poderá ver na capital lusa ata o 24 de maio.

Con este motivo, o dramaturgo galego será o protagonista da sesión de clausura do ciclo, o 26 de maio, na que se proxectará o filme ‘Doentes’, unha fita protagonizada polos actores galegos Xosé Manuel Olveira ‘Pico’ e por Antonio Durán ‘Morris’, producida no ano 2011 baixo a dirección de Gustavo Balza sobre homónimo de Roberto Vidal Bolaño. Previamente á proxección do filme, o director do Centro Dramático Galego (CDG), Manuel Guede, compartirá co público a súa visión particular sobre as claves e a singularidade da obra de Vidal Bolaño, referente indiscutible no ámbito teatral galego.

A produción de ‘Saxo tenor’ en portugués forma parte do acordo que o TNDM II mantén co CDG para o intercambio de autores fundamentais de ambas as dramaturxias e dentro do que a compañía institucional galega está a representar ‘Xardín suspenso’, de Abel Neves.

Memorando de entendemento

Co mesmo obxectivo de reforzar o intercambio cultural, a Xunta de Galicia e a Rexión Norte de Portugal, a través da Consellería de Cultura, da Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e da Agrupación Europea de Cooperación Territorial, asinaban o pasado mes de abril un memorando de entendemento para a posta en marcha de diversas iniciativas conxuntas, principalmente nos ámbitos do libro e das bibliotecas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-05-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Una ducia de proxeccións e cinco persoas convidadas conforman o menú da 34ª edición da Semana de Cine Submarino da UVigo, que se celebrará entre os días 3 ao 5 de novembro no auditorio da Afundación. Producións internacionais e nacionais volverán encher de público o auditorio vigués, que acollerá nunha sesión matinal a centos de escolares da provincia, e que poderá somerxerse nas profundidades das augas das Maldivas, do Caribe ou da costa norte galega.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES