Notas de prensa

A Xunta comprométese a seguir fortalecendo os sectores produtivos “clave” para a economía de Galicia

Se ben recoñece que aínda queda moito por facer, o titular da Xunta resalta os datos da EPA e incide en que Galicia está no camiño axeitado para reducir o paro e crear emprego. No sector lácteo di que seguirá traballando para acabar coas prácticas abusivas comerciais, e no forestal buscará garantías do emprego e ambientais.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou no pleno do Parlamento o compromiso do Goberno galego para seguir fortalecendo os sectores produtivos “clave” para a economía da Comunidade. “O sector lácteo é clave para Galicia e moi especialmente para as zonas rurais, ao igual que o é o sector da madeira, da pesca e do marisqueo, que o sector da lousa e da pedra ou que o sector cárnico”, aseverou, logo de recoñecer que, hoxe, os sectores produtivos en Galicia teñen moito máis futuro que hai seis anos.

En resposta ás preguntas dos grupos na Cámara, Feijóo referiuse, nun primeiro termo, ao sector lácteo lembrando que a produción total de leite na Comunidade aumentou en 80 millóns de litros nos últimos dez anos, máis dun 4%; e a media de produción por explotación subiu un 230%, é dicir, máis de 210.000 quilos, subindo tamén o número de vacas por explotación en máis dun 55%. E resaltou, tamén, que entre o ano 2010 e o 2014 o prezo medio do leite en Galicia subiu un 21%, pasando de 28,9 céntimos a 35, baixando así mesmo os custos de produción en 2012 un 17%.

Ante estas cifras, e ademais de subliñar a aprobación de tres reais decretos cara á unha regulación completa do sector, Feijóo afirmou que o Executivo autonómico seguirá traballando para acabar coas prácticas comerciais abusivas: “Imos seguir perseguindo as industrias que fagan dumping; a seguir inspeccionando as grandes superficies e as cisternas que veñen de Portugal, para saber exactamente de onde proceden e cales son os prezos...”, aseverou.

Sector forestal: máximas garantías de emprego e ambientais
No tocante ao sector forestal, o titular da Xunta afirmou que o Goberno galego seguirá a buscar as máximas garantías do emprego e ambientais.

Ao fío disto, e con relación a Ence, avogou por “abrir unha reflexión seria sobre o que queremos para o sector forestal e para Pontevedra”. “Propoño que reflexionemos conxuntamente para tomar unha decisión porque soamente hai unha posible: ou Ence pecha ou se mantén superando os estritos controis medioambientais”, aseverou.

Logo de resaltar que o sector da madeira constitúe o 3% do PIB galego, con 3.000 empresas e con 20.000 empregos directos e 30.000 indirectos, Feijóo fixo fincapé en que no que atinxe á empresa situada en Pontevedra non hai espazo para ambigüidades nin demagoxias: “A alternativa de Ence non é o traslado, é o peche e quedarse sen ningunha industria transformadora do papel en Galicia. Ou se queda en Pontevedra coas máximas garantías medioambientais ou lles dicimos ás 800 familias que viven de Ence que se van quedar ser traballo e ás 20.000 persoas que viven do aproveitamento madeireiro que a madeira volverá baixar porque hai que levala a Asturias”, incidiu.

Por outra banda, e en resposta a unha pregunta de AGE, Feijóo destacou que hoxe en Galicia hai 25.000 persoas menos en paro e 17.000 persoas máis afiliadas á Seguridade Social que hai un ano; a taxa de paro xuvenil baixou catro puntos sobre o ano pasado e seis con respecto á media de España; “e, hoxe, os datos da EPA de 2015 confirman ese cambio de tendencia e por primeira vez desde 2008 créase emprego con respecto ao mesmo período do ano anterior”.

Se ben aínda queda moito por facer, o titular da Xunta afirmou que estas cifras proban que Galicia está no camiño axeitado para reducir o paro e crear emprego. “E por iso seguiremos traballando nesta liña, obrigando á banca a incrementar as provisións, é dicir, a baixar os seus beneficios; diminuíndo os beneficios das eléctricas; abrindo o mercado galego para que haxa máis gasolineiras ou incrementando o uso dos medicamentos xenéricos...en definitiva, seguiremos defendendo os intereses dos galegos”, concluíu.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-04-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES