Notas de prensa

A mostra Xosé Filgueira Valverde (1906-1996), un faro na construción de Galicia, percorre 22 concellos galegos

A exposición ten unha versión ampliada que xa se pode visitar no Museo de Pontevedra e dúas itinerantes que percorrerán Galicia durante este ano 2015 en que se lle adica o Día das Letras Galegas. A exposición revisa cronoloxicamente a súa vida e fai un estudo monográfico da obra.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, sinalou a mostra ‘Xosé Filgueira Valverde (1906-1996). Un faro na construción de Galicia’, centrada no autor ao que este ano a Real Academia lle dedica o Día das Letras Galegas, como unha “das principais actuacións de difusión social e posta en valor coas que celebramos a vida e a obra da figura homenaxeada”. A exposición itinerante, promovida conxuntamente pola Xunta de Galicia e pola Deputación de Pontevedra, abriuse ao público na Biblioteca Ánxel Casal.

A mostra, que ten unha versión ampliada sita no Museo de Pontevedra, conta con dúas versións itinerantes que a Consellería de Cultura e Educación e mais a Deputación da Coruña levarán a un total de 22 localidades das catro provincias. Deste xeito chegará, da man da Deputación, a 9 puntos de Pontevedra mentres que a Xunta programará unha itinerancia parella noutros 13. En concreto, a Consellería, por medio das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, levará desde hoxe mesmo e ata o vindeiro 19 de decembro a mostra a 13 concellos das provincias da Coruña, Lugo, e Ourense, complementando o traballo realizado pola Deputación de Pontevedra.

No acto de hoxe interviñeron, ademais do conselleiro, o alcalde de Santiago de Compostela, Agustín Hernández; a deputada provincial de Cultura de Pontevedra, Ana Isabel Vázquez Reboredo; o presidente da Fundación Filgueira Valverde, José Fernando Filgueira Iglesias; o académico da RAG Xesús Ferro Ruibal; e os coordinadores da mostra: Carlos Valle e Ana Mª Costas. Tamén estiveron presentes o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Programa

Logo da apertura ao público da mostra principal, que se pode visitar ata o 24 de maio no Museo de Pontevedra, a compostelá Biblioteca Ánxel Casal acolle a primeira parada do proxecto expositivo itinerante co que se achega á cidadanía a figura, a vida e a obra de Filgueira.

A exposición estrutúrase en dous bloques. No primeiro revísase cronoloxicamente a vida de Xosé Filgueira Valverde. No segundo realízase un estudo monográfico dos aspectos máis definitorios da súa densa e longa traxectoria como intelectual e como figura pública comprometida co seu tempo, e fálase da súa terra e as súas xentes. A mostra acompáñase dun amplo folleto de 12 páxinas no que compilan os datos esenciais e que se entregará a todos os visitantes.

Concretamente, a Xunta de Galicia levará a mostra ‘Xosé Filgueira Valverde. Un faro na construción de Galicia’ aos concellos de Santiago de Compostela (Biblioteca Ánxel Casal), A Coruña (Biblioteca González Garcés), Foz (Centro Cenima), Melide (Casa da Cultura), Boqueixón (Casa do Concello), Ponteceso (Fundación Eduardo Pondal), Lugo (Biblioteca Central Territorial), O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo), O Carballiño (Auditorio), Oleiros (A Fábrica), Ferrol (Centro Cultural Carballo Calero), Cee (Casa da Cultura) e Ourense (Biblioteca Central Territorial).

Actividades complementarias

Así mesmo, Román Rodríguez explicou que Cultura e Educación porá en marcha diversas actividades didácticas e divulgativas que complementan esta mostra. Por unha banda, nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística que acollan a exposición, ofrecerase a xincana escolar Filgueira Valverde na voz da xente, “que –en palabras do titular de Cultura− lle achegará ao alumnado a figura do autor mediante unha actividade lúdica, participativa e didáctica.” Por outra, desde onte todo o mundo pode acceder a través do web de Cultura (cultura.gal) ao documental Contextualizando a Filgueira, “unha revisión –explicou Román Rodíguez− que nos achega conversas entre familiares, amigos, especialistas e investigadores da cultura galega, e nos revela distintos aspectos da vida de Filgueira en relación coa súa época.”

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-04-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Una ducia de proxeccións e cinco persoas convidadas conforman o menú da 34ª edición da Semana de Cine Submarino da UVigo, que se celebrará entre os días 3 ao 5 de novembro no auditorio da Afundación. Producións internacionais e nacionais volverán encher de público o auditorio vigués, que acollerá nunha sesión matinal a centos de escolares da provincia, e que poderá somerxerse nas profundidades das augas das Maldivas, do Caribe ou da costa norte galega.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES