O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) volve colaborar coa Academia Galega do Audiovisual e a Acadèmia del Cinema Català no programa de exhibición en Galicia dunha selección das producións catalás galardoadas nos VII Premis Gaudí. Como en anos anteriores, esta iniciativa impulsada por ambas as academias inclúe tamén a organización en Cataluña dun ciclo sobre os traballos premiados na última edición dos Mestre Mateo do audiovisual galego.
Para o especial dedicado aos galardóns cataláns, co que o CGAI pecha a carteleira de abril na súa sede da Coruña, foron seleccionadas un total de catro fitas, que poderán verse desde mañá martes 28 e ata o xoves 30 en tres sesións de entrada libre ata completar a capacidade da sala.
Calendario de proxeccións
O ciclo arranca o martes 28 de abril, ás 20.30 horas, con El niño, o último filme do director Daniel Monzón. Esta produción, que contou tamén con participación galega a través de Vaca Films, foi unha das grandes triunfadoras da sétima edición dos Gaudí, entregados o pasado 1 de febreiro en Barcelona. En total, obtivo sete recoñecementos: ás mellores actuacións secundarias para Bárbara Lennie e Eduard Fernández, mellor dirección de produción, mellor montaxe, mellor música orixinal, mellor fotografía e mellor son.
A sesión do mércores 29, programada para a mesma hora, inclúe a exhibición de El corredor, filme do realizador José Luís Montesinos recoñecido como mellor curtametraxe catalá de 2014; e Gabor, de Sebastián Alfie, galardoada co Gaudí á mellor película documental.
Pechará este programa Descalç sobre la terra vermella, de Oriol Ferrer, que conseguiu o galardón catalán á mellor película para televisión. Neste caso, a proxección terá lugar o xoves 30 de abril, ás 18.00 horas. A programación completa pode consultarse no web www.cgai.org.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.