A Consellería de Cultura e Educación entregou no Parlamento a proposta inicial do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020 para que, deste xeito, todos os grupos parlamentarios dispoñan do texto co fin de poderen chegar as propostas que estimen oportunas e de que participen activamente na súa elaboración.
Segundo explicou ante a Comisión 4º o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o obxectivo da Consellería é acadar a máxima participación posible das forzas políticas con representación parlamentaria e lograr un documento respaldado e consensuado. Deste xeito os grupos teñen a oportunidade de traballar sobre un documento estrutural básico, que non está pechado.
Desde o punto de vista estratéxico, o Plan recolle a necesidade de crear conciencia de que o emprego do idioma galego favorece os resultados económicos. Segundo explicou Valentín García, hai que traballar na liña de que o galego é unha oportunidade que nos conecta con novos espazos e novos mercados, nomeadamente cos mercados emerxentes de fala portuguesa coma os do Brasil ou Angola.
Tamén subliñou a necesidade de lograr unha mensaxe única xa que a fortaleza do ámbito público neste eido é imprescindible para poder transmitirllo ao ámbito privado. O secretario xeral de Política Lingüística recalcou ademais que se trata dun plan da Xunta de Galicia no seu conxunto e, por tanto, implica a participación activa de todas as consellerías e entidades públicas con competencia en materia económica. Así mesmo buscarase a necesaria incorporación pro-activa das empresas no desenvolvemento das medidas que se implementen.
A elaboración do documento atópase agora na fase de recollida de achegas por parte de entidades, colectivos e institucións implicadas na protección da lingua e a cultura galegas. Nesta liña, o texto foille entregado hai uns días á Real Academia Galega e ao Consello da Cultura Galega. Está previsto que a fase de consultas remate no segundo trimestre de 2015 e, unha vez concluídas as distintas fases así como a elaboración da pertinente memoria económica, está prevista a súa aprobación definitiva polo Consello da Xunta no derradeiro trimestre deste ano.
Inicialmente o Plan establece cinco áreas de traballo (a industria, o traballo, o cooperativismo, a banca e o comercio), ás que se engaden adicionalmente outras (hostalería e restauración, industria alimentaria, entidades intermedias -xestorías, asesorías, despachos de avogados, inmobiliarias
- e axencias de publicidade). No documento analízanse tamén 71 actuacións, unhas de carácter transversal (válidas para todas as empresas) e outras específicas para áreas económicas concretas de especial interese.
Cómpre lembrar que a elaboración deste Plan responde a un dos eixos fundamentais da política lingüística do Goberno galego, como é a ampliación dos usos do galego na sociedade e, especialmente, nos sectores económicos. O obxectivo final é incrementar a presenza do uso do galego no ámbito económico e que isto sirva de efecto multiplicador no resto da sociedade. Trátase, en definitiva, de que o sector recoñeza que a adopción do galego como lingua representa un valor engadido nas relacións empresariais e comerciais.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.