Notas de prensa

Presentada a memoria de actividades, na que destaca a internacionalización de Expourense

O delegado territorial da Xunta en Ourense participou no acto de presentación da memoria de actividades do recinto que acolleu dez feiras e unha vintena de eventos que contaron con máis de 128.000 visitantes e 855 expositores de 30 países. Foron 3 as feiras internacionais que marcaron o calendario o pasado ano: Xantar, Funergal e Termatalia, que tivo lugar por segunda vez en América.

A Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, presentou o resumo de actividades organizadas durante o pasado ano. En total, no recinto feiral celebráronse 10 feiras, máis de 20 eventos que atraeron a máis de 128.800 visitantes, a 855 expositores e 350 relatores achagados dun total de 30 países.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou na rolda de prensa e subliñou que o carácter internacional de tres feiras organizadas por Expourense marcou o seu calendario de actividades durante o 2014. A celebración de Termatalia Arxentina, Xantar e Funergal, posicionou ao recinto feiral ourensán entre os principais organizadores de eventos internacionais en España. Martínez indicou que grazas á cooperación público-privada, patente na composición do Padroado da Fundación, Expourense consolídase como unha plataforma que contribúe, a través da celebración de citas únicas, a fomentar a competitividade das empresas galegas e facilitar a creación de oportunidades de negocio internacionais, sobre todo en sectores estratéxicos como o termalismo, a gastronomía ou a industria funeraria.

O principal fito da actividade de Expourense en 2014 no relativo á internacionalización foi a celebración de Termatalia en Termas de Río Hondo, A Arxentina, entre o 1 e o 4 de outubro. Foi a segunda edición celebrada en América Latina logo de Termatalia Perú 2012, un evento que converteu a Expourense na primeira institución feiral española que organizaba un evento propio no estranxeiro, que tivo continuidade o ano pasado na Arxentina e que seguirá en 2016 coa celebración desta feira en México. Termatalia Arxentina consolidouse como un espazo de capacitación e formación que os profesionais aproveitaron para ampliar os seus coñecementos e especialización no referente ao turismo de saúde.

Rogelio Martínez incidiu que “con estas iniciativas, nas que a Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense pon o seu esforzo e a súa ilusión cada día, Expourense contribuirá sen dúbida a lograr os obxectivos que Galicia se fixa na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020. Unha folla de ruta coa que buscamos incrementar nun 25% o investimento estranxeiro en Galicia e o número de empresas exportadoras ata acadar as 8.000 nese horizonte”.

Rogelio Martínez felicitou ao equipo de Expourense polos resultados obtidos durante 2014 e animouno a seguir traballando para que “este recinto e os eventos que nel se organizan, sigan sendo motivo de orgullo para os galegos”.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-04-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES