Notas de prensa

Preséntase en Foz (Lugo) a V Copa Deputación de Piragüismo que se disputa entre abril e agosto

A Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo, a través de Benestar e Deporte, reparte 18.000 euros en premios nunha competición que volverá contar con seis regatas, xa que cada club participante organizará a súa respectiva proba.

O vicepresidente e responsable de Benestar e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, presentou en Foz a quinta edición da Copa Deputación de Piragüismo, que un ano máis disputarán os seis conxuntos da provincia e conta co respaldo da Vicepresidencia Primeira do organismo provincial, a través da súa Área de Benestar e Deporte. Acompañaron nesta presentación o Delegado en Lugo da Federación Galega de Piragüismo, Martín Carballo, e representantes dos clubs participantes.

Antonio Veiga explicou que esta quinta copa se disputará “entre os meses de abril e agosto, seguindo o formato de anteriores edicións, polo que cada club se encargará de organizar unha regata”, indicou. A primeira proba celebrarase o 26 de abril nas instalacións do Club Fluvial de Lugo, a segunda regata, o 1 de maio, tamén se levará a cabo na cidade amurallada, nas inmediacións da área recreativa dos Robles e baixo a organización do Cidade de Lugo. A partir de aquí, a Copa trasladarse á Mariña. O 7 de xuño celebrarase na ribadense praia dos Bloques a terceira regata, organizada polo Club Altruán de Ribadeo; o encoro de Río Covo será escenario da cuarta proba, dirixida polo CP San Ciprián, o 19 de xullo; o CP Viveiro será quen xestione a penúltima proba, a celebrarse o 9 de agosto fronte ao porto deportivo viveirense; e pecharase esta edición o 23 de agosto na enseada de Foz, coa proba organizada polo Club Kayak de Foz.

Unha proba consolidade que axuda a medrar o número de licenzas

Antonio Veiga resaltou que “un ano máis temos rexistraremos un aumento da participación, é unha proba que está xa consolidada no calendario do piragüismo galego, que contou con moitos participantes en todos estes anos e é unha copa que da continuidade ás que acabamos de celebrar, tanto de baloncesto como de fútbol base”, sinalou. Con este tipo de competicións, o vicepresidente provincial di que outro exemplo máis de que “apoiamos sempre aos rapaces e rapazas que se inician en diversos deportes e cun especial significado esta proba de piragüismo, que conseguiu que moitos nenos e nenas volver a practicalo, aproveitando o medio natural que temos o noso alcance para celebralo, como son os nosos ríos, rías e o encoro de Río Covo”, apuntou.

Finalmente, Veiga agardou que se volva ver “o mesmo espectáculo que en anos anteriores e alegrámonos de que o piragüismo volva recuperar a forza que sempre tivo na nosa provincia”, concluíu.

Participantes de todas as idades

Igual que nas pasadas edicións, os clubs participantes poderán inscribir padexeiros desde categoría benxamín ata veterano, tanto na disciplina de kayak como de canoa. En todas as regatas os padexeiros, homes e mulleres por igual, sumarán puntos de cara á clasificación final individual e por equipos. Os puntos que se obteñen en función do posto conseguido son os que aquí se sinalan:

Para a categoría veterano, sénior, júnior e cadete:

1º ……. 65 puntos
2º ...... 55
3º ...... 50
4º....... 46
5º……. 45, etc.

En categoría infantil A e B, cría A e B e benxamín:

1º……. 100 puntos
2º ...... 90
3º ...... 85
4º....... 81
5º……. 80, etc.

O feito de que os nenos de categorías inferiores puntúen case o dobre que os padexeiros do resto de categorías obedece ao obxectivo da Copa, que segundo o delegado da Federación Galega de Piragüismo en Lugo, Martín Carballo, é o de "incentivar a promoción e que se sigan ganando practicantes de curta idade", manifestou.

Participación e distancias

Martín Carballo tamén comentou que a participación cada ano é máis elevada. “Na pasada edición, a cifra de competidores superou os 200 na maioría das probas que conformaron a competición, chegando nunha delas a tomar saída 245 padexeiros. Se se realiza a suma de todos os participantes presentes en polo menos unha das regatas, o número ascende a 1.300, dos que puntuaron, -ao ter entrado dentro do tempo de control- 978”, afirmou.

En función da categoría, a distancia a percorrer é diferente e axeitada á idade. As distancias das distintas probas son as mostradas a continuación:

- 1500 m. para benxamín e cría A e B
- 3000 m. para infantil A e B
- 5000 m. para veterano, sénior, júnior e cadete


18.000 euros en premios: 1.200 máis que na anterior edición

En canto aos premios, esta Copa outorga distintos premios económicos para os equipos participantes. A contribución é realizada pola Vicepresidencia Primeira Deputación de Lugo que elevará a contía total aos 18.000 euros, superando os 16.800 do pasado ano. “A distribución destes premios baséase en dous criterios fundamentais: por un lado a participación, segundo o número de padexeiros, supoñendo o 40% do total e por outro, a clasificación, segundo os postos conseguidos, constituíndo o 60% do total”, sinalou Antonio Veiga.

Tamén haberá trofeos en cada proba para os tres primeiros clubs clasificados e aos tres primeiros homes e mulleres de cada unha das categorías.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo, 2015-04-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES