Notas de prensa

BNG-AA aposta polo rescate progresivo dos servizos municipais privatizados

Considera que os casos de corrupción que afloran polo país son produto deste “modelo fracasado” de privatización sistemática.

FCC, Ferrovial, Sacyr, ACS, Vendex, Viaqua..., lobbies madrileños que xestionan servizos municipais privatizados por valor de 3.000 millóns de euros anuais, un 6% do PIB do país, 350 euros por cada galego e galega, con dúas consecuencias: “colonizan” o 50% do orzamento dos concellos para nutrir as súas contas de resultados e téñense revelado unha fonte de corrupción.

Contra esta situación, BNG-Asembleas Abertas presentou unha das principais propostas do programa marco para as eleccións municipais do 24 de maio: Rescate progresivo e xeneralizado dos servizos públicos privatizados ao longo das dúas últimas décadas, que está sendo o gran negocio para estes oligopolios.

“BNG-AA propón que eses 3.000 millóns de euros deixen de ser pasto do negocio dos grandes lobbies que están colonizando os nosos recursos públicos, os impostos que pagamos aos nosos municipios os galegos e as galegas, e romper con ese cordón umbilical que une ao capitalismo madrileño improdutivo e parasitario que fomenta a corrupción por todo o país, amigo do PP ao que financian xenerosamente”, denunciou o portavoz nacional, Xavier Vence.

Auga, lixo, limpeza, saneamento, parques e xardíns, transporte, servizos sociais de residencias, garderías, xestión do deporte (multiusos), da cultura (auditorios), entre outros. “Quen vai crer que unha empresa de autobuses é o mellor xestor dun multiusos, dun pazo de congresos ou de servizos sociais, quen vai crer que unha gran empresa da construción é o mellor xestor das garderías, das residencias ou centros de día?”, argumentaba Vence.

A formación nacionalistas insiste no seu argumento de que a privatización dos servizos públicos é o caldo de cultivo que alimentou os casos de corrupción que non deixan de aflorar nos últimos tempos, - “mordidas, tráfico de influencias, branqueo de capitais, fraude fiscal, financiamento ilegal do PP”-, que para o Bloque constata “o fracaso” do modelo neoliberal de privatización sistemática de servizos públicos ao longo das dúas últimas décadas, “corrupción e delitos económicos consecuencia das políticas económicas da dereita impulsadas desde Bruxelas, Madrid e desde a Xunta”.

Axenda de rescate

Hai que tomar medidas políticas. BNG-AA pon encima da mesa unha proposta en catro paso.

Primeiro, impulsar unha axenda de rescate progresivo dos servizos públicos privatizados, dando prioridade neste rescate aos que teñen un maior contido social e aos relacionados co medioambiente como a xestión da auga e do saneamento. “É evidente que non se pode facer dun día para outro, senón a medida que finalicen as concesións en vigor”, explicou.

Neste sentido, o Bloque tamén propón modificar a normativa aprobada polo PP nos últimos anos que dificulta este rescate: suprimir a taxa de reposición, o límite de financiamento dos concellos e devolverlle aos municipios as competencias “usurpadas” pola Lei de reforma local.

Como terceira medida, e mentres as concesións sigan en vigo, implantar sistemas efectivos de control e de inspección dos servizos privatizados, porque hai un incumprimento dos contratos que, en moitos casos, non poden ser controlados polos concellos.

Por último, elaborar unha estratexia para romper coa posición de dominio que teñen as grandes contratistas madrileñas para que os recursos públicos dos concellos “deben ter como fin servir con calidade á cidadanía, non enriquecer a conta de resultados destes lobbies”, insta Vence.

Ademais de ser unha proposta programática para as municipais, o BNG vai empezar por levar tanto ao Parlamento como ao Congreso iniciativas parlamentarias para mudar “o corsé” normativo do PP contra a xestión pública de servizos.

Gabinete de Comunicación do BNG, 2015-03-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES