Notas de prensa

O Goberno galego considera que un novo esceario sen cuotas pode ser unha oportunidade para o sector

A conselleira do Medio Rural e do Mar apela á creación de valor engadido como a mellor estratexia diante do novo escenario sen cotas lácteas que, na súa opinión, pode ser unha oportunidade sempre que cada axente da cadea de valor do leite asuma a súa responsabilidade. Fixo estas declaracións no Foro A cadea alimentaria no sector.

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, inaugurou en Santiago o foro A cadea alimentaria no sector do leite e produtos lácteos: situación actual e perspectivas de futuro, onde apelou á creación de valor engadido como a mellor estratexia diante do novo escenario sen cotas lácteas. Neste sentido, destacou a importancia de traspasar fronteiras e facerse un oco no estranxeiro. “É aí cara onde debemos camiñar”, sinalou.

Ademais de cara a este novo escenario, Rosa Quintana, apelou ao sector a centrarse no concepto de marxe de beneficios “máis que no de prezos mínimos do leite e custos de produción”, pois sinalou “de pouco nos vale gañar 100, se gastamos 150. A aposta pasa por conseguir 50 gastando tan só a metade”, explicou. Neste sentido, sinalou que se ben é certo que o prezo do leite non se atopa no pico máis alto do último ano, tamén é certo que os custes de produción son tamén máis baixos.

A conselleira insistiu en que “o novo escenario sen cotas pode ser unha oportunidade sempre que cada axente da cadea de valor do leite asuma a súa responsabilidade”. Só así, subliñou, “poderemos falar dun sector lácteo fortalecido, eficiente, competitivo, rendible e en expansión”.

Segundo explicou a titular de Medio Rural e Mar, os produtores deben demostrar, “como xa demostraron no pasado”, que son quen de conseguir unha maior eficacia das súas explotacións. Por outra banda indicou que o compromiso das Organizacións de Produtores Lácteos pasa por negociar, “pois son elas as que teñen a capacidade e as que deben velar para asinar e respectar os contratos dentro dun equilibrio, coas condicións máis vantaxosas para ambas partes e sempre no marco da normativa”. En canto á industria transformadora e aos distribuidores explicou que deben centrarse en ampliar a súa oferta de produtos, de xeito que eleve a demanda do leite e contribúa á súa revalorización.

Por outra banda, indicou, na Administración “o noso papel é o de vixilante en positivo do cumprimento da normativa, porque a lei é o mellor garante de estabilidade no sector. Somos quen diriximos e debemos continuar actuando como vertebradores do sector, proporcionando as ferramentas precisas para acadar os obxectivos”.

Medidas para a estabilidade

As ferramentas e medidas postas a disposición do sector para acadar o obxectivo de estabilidade foron explicadas pola conselleira. Lembrou o Observatorio Lácteo de Galicia, OLGA, que ten entre os seus obxectivos o de facilitar información para alcanzar o equilibrio na cadea de valor, a través da monitorización dos custes de produción das explotacións. Tamén o Enerlácteo, para facer auditorías enerxéticas, e a ferramenta Xacobea, sistema pioneiro en España que permite crear índices á carta para indexar os contratos lácteos a referentes escollidos polas partes negociadoras dos contratos, gandeiros e compradores de leite.

A titular de Medio Rural e Mar tamén lembrou o traballo conxunto co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para mellorar a aplicación do paquete lácteo e recoñeceu o esforzo do Goberno Central para impulsar medidas a prol do lácteo. Ademais da recente modificación do Paquete Lácteo, citou a Lei da Cadea Alimentaria, a Lei de Concentración de Oferta e Demanda e o Real Decreto que regula as organizacións de produtores e as organizacións interprofesionais. Outra das medidas ás que fixo referencia Rosa Quintana, foi a creación dun Grupo de Traballo da Cornixa Cantábrica, impulsado por Galicia e Cantabria, que traballa no control do equilibrio e a transparencia dos diferentes elos da cadea do leite nas relacións contractuais.

En relación coa base territorial das explotacións, sinalou que dende o 2009 o Goberno galego adoptou diversas medidas encamiñadas a mellorar a competitividade das explotacións, a súa capacidade financeira e a estrutura comercial do sector. Puxo como exemplo as leis de Mobilidade de Terras e de Montes, xa en vigor, e a Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria, admitida recentemente a trámite no Parlamento de Galicia.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-03-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES