
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, acompañada do xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, fixo entrega en Vedra do certificado de uso desta marca de garantía á adega coruñesa Adegas Valdés. Con este recoñecemento, os viños desta empresa, certificados da D.O. Rías Baixas, poderán incluír na súa etiquetaxe o distintivo de calidade da Xunta de Galicia.
Coa incorporación desta nova compañía Galicia Calidade conta na actualidade con doce adegas certificadas, das cinco Denominacións de Orixe: Adega A Coroa,Adega dos Eidos, Adegas Tollodouro, Bodegas Nairoa, Bodegas Pazo Villarei, Bodegas Ruchel, Castro Baroña, Gargalo, Quinta do Buble, Regina Viaurm e Vilarvín, ás que se suma agora Valdés.
Os asistentes realizaron unha visita ás instalacións da adega acompañados do propietario da mesma, Manuel Valdés. O certificado de uso, con validez para os vindeiros tres anos, permitirá aos viños desta empresa incluír o distintivo nas etiquetaxes así como noutras accións de promoción que estimen oportuno.
En concreto, Adega Valdés conta cos seguintes viños amparados pola marca de garantía Galicia Calidade: Da viña Galega, Gundián, Inmortal, Mayor de Gundián, Señorío de Rozadela e Xiradella. Uns caldos de alta calidade e con importantes recoñecementos a nivel nacional e internacional.
Aposta pola calidade
Adega Valdés é reflexo da vocación e traballo da familia Valdés, propietaria desde hai máis de 30 anos de vinte hectáreas de viñedos a beiras do río Ulla. No ano 2001, coa ampliación da Denominación de Orixe Rías Baixas a esa zona, fúndase a actual adega, que xunta tradición familiar coas máis vangardistas técnicas de elaboración vitivinícola. Os seus viños responden a un traballo que aposta pola calidade e o bo facer na elaboración dos mesmos.
A Consellería de Economía e Industria ten en marcha a Estratexia de Reforzo de Galicia Calidade, unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que conta con máis de 300 produtos certificados, de 51 empresas diferentes, cunha forte presenza do sector vitivinícola.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.