Notas de prensa

A exposición sobre Xosé María Díaz Castro regresa a Guitiriz no aniversario do poeta

Promovida por Cultura e Educación, e coincidindo co día do seu nacemento, a Consellería e o Concello lucense asinan un acordo de cesión para que a mostra ‘Nimbos de luz’ se poida exhibir na localidade natal do escritor, onde xa fora inaugurada pola Xunta hai un ano.

No día en que se cumpren 101 anos do nacemento do poeta e tradutor lucense Xosé María Díaz Castro, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Concello de Guitiriz reforzan a súa colaboración para continuar difundindo a vida e a obra do autor.

Con este obxectivo, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o alcalde de Guitiriz, Xosé María Teixido, asinaron hoxe un acordo mediante o cal a Consellería lle cede ao Concello a exposición ‘Nimbos de luz’, que ao longo de 2014 percorreu un total de 18 municipios das catro provincias no marco da programación conmemorativa das Letras Galegas 2014.

Regreso ao concello natal do poeta

Promovida polas secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, en colaboración con Galaxia/Merlín Comunicación, ‘Nimbos de luz’ iniciou a súa itinerancia na Casa Habanera de Guitiriz, a onde regresará de novo para seguir difundindo a vida e a obra do escritor. Alí foi inaugurada hai xusto un ano pola Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, a Asociación Cultural Xermolos e o Concello de Guitiriz, nun acto que supuxo o inicio das actividades dese ano arredor de Díaz Castro.

Tras este período inicial no municipio lucense, a mostra percorreu Vigo, Pontevedra, Cerceda, Santiago de Compostela, Lalín, A Estrada, Redondela, Cee, Vilagarcía de Arousa, Mondoñedo, A Laracha, A Coruña, Lugo, Ourense, A Rúa, Cee e Celanova.

Percorrido viltal de Díaz Castro

A través de 14 paneis temáticos, ‘Nimbos de luz’ constitúe un achegamento á vida e á obra do poeta homenaxeado coas Letras Galegas en 2014. A exposición estivo comisariada por Alfonso Blanco Torrado, Luís González Tosar e Armando Requeixo, estudosos da obra do autor lugués, que, dun xeito divulgativo, para todos os públicos, presentaron o percorrido vital que o levou de Guitiriz a Mondoñedo, pasando por Vilagarcía de Arousa e Madrid.

Ao abeiro desta cesión, de carácter gratuíto e por un período de 10 anos prorrogables, a mostra pasará a formar parte do proxecto de exposición permanente da Casa Habanera de Guitiriz. Trátase dun dos edificios máis emblemáticos da localidade lucense, realizado polos emigrantes da Sociedade de Guitiriz e a súa Comarca da Habana en 1910, e que actualmente lle ofrece á cidadanía os servizos de biblioteca pública e de centro cívico.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-02-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES