Notas de prensa

O escritor Neira Vilas presenta o libro Lar, Nai, Pan

A nova edición incorpora o cedé NAI no que a actriz Uxía Blanco interpreta os textos da peza homónima coa que o escritor de Gres homenaxeou á nai reivindicando a figura materna como portadora da sabedoría tradicional e da seguridade para encetar a vida. Editado por Galaxia, compila traballos entre 1973 e 1993 e presenta a un Neira Vilas en estado puro.

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, acompañou ao escritor e académico da lingua galega Xosé Neira Vilas no acto de presentación do libro “Lar, Nai, Pan”, que se celebrou na librería compostelá Pedreira.

“Con Lar, Nai, Pan regresamos ao Neira Vilas en estado puro. Á evocación da infancia, da terra nai, dun pasado neiraviliano que xa é de todos nós e que esta nova edición de Galaxia viste de modernidade coa contribución dunha xenial Uxía Blanco cargada de forza, de sensibilidade e de lirismo na evocación da figura das nais como piares de sabedoría e de seguridade ante a vida”, destacou García Gómez. O acto contou tamén coa participación do director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes; e mais da actriz Uxía Blanco.

Neira Vilas recompila en “Lar, Nai, Pan” nun só volume –ao igual que xa o fixo “Charamuscas” (1993)- a poesía en prosa recollida por separado nos monográficos “Lar”, “Nai” e “Pan”, editados nos anos 1973, 1980 e 1986, respectivamente. Como novidade inclúe un cedé no que Uxía Blanco interpreta as pezas de “Nai”, coas que Neira Vilas lle rendeu tributo a súa nai en particular e á figura das nais en xeral.

Malia seren escritas en anos diferentes, estas tres pezas que agora volve editar Galaxia gardan continuidade e comparten o mesmo ton poético, a mesma vontade de síntese e o mesmo afán evocador da infancia, da adolescencia e do tempo ido que caracterizan a obra neiraviliana. As páxinas chaman á reflexión e á saudade dos momentos vividos e dos escenarios íntimos, particulares e comúns, do múltiple devir da sociedade galega nos seus sentimentos, dores e esperanzas. En “Lar, Nai, Pan” é todo vello e novo ao mesmo tempo, pasado e presente, cavilación e vibrante latexo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-02-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES