O Consello Galego da Competencia (CGC) vén de publicar un informe sobre uniformes escolares no que se pon de manifesto a preocupación do organismo ante a falta de competencia que existe na distribución destas prendas en centros educativos da Comunidade galega.
Así o expuxo o presidente do CGC, Francisco Hernández, quen tamén explicou que por regra xeral as familias obteñen prezos e condicións mellores cando poden elixir onde comprar os uniformes dos seus fillos, o contrario do que sucede cando non dispoñen de alternativas. Neste sentido, sinalou que a liberdade das familias para comprar o uniforme escolar vese restrinxida por dous factores: o tipo de uniforme e o seu modelo de distribución.
As pezas que conforman o uniforme poden ser básicas, é dicir, que non inclúen distintivos do colexio por exemplo, un xersei azul mariño-; ou oficiais, que si os inclúen -un xersei azul mariño co escudo do centro-. No primeiro caso, pódense adquirir polas canles habituais de distribución téxtil, coma as grandes superficies ou cadeas de moda, mentres que no segundo, só se poden mercar en determinados establecementos.
O estudo elaborado polo Consello Galego da Competencia que non se pronuncia sobre os tipos de uniforme nin a súa forma de comercialización, xa que esta decisión corresponde aos centros- sinala que existe gran disparidade entre os centros educativos á hora de decidir que pezas do uniforme son básicas ou oficiais. Isto ten consecuencias directas sobre o prezo dos uniformes, que se encarecen de media un 183% cando a uniformidade completa é oficial.
Segundo Hernández, mentres uns colexios esixen que todas ou case todas as pezas sexan oficiais, outros permiten que se recorra ás pezas básicas con grande amplitude. Ademais, algúns centros inclúen un uniforme oficial completo pero con carácter voluntario.
O modelo de distribución do uniforme
Durante a súa intervención, o presidente do CGC explicou que os centros educativos poden decantarse por un sistema libre, que permite a calquera empresa comercializar os seus uniformes, ou restrinxido, no que só se permite vender os uniformes a un distribuidor exclusivo ou a un número limitado de distribuidores.
O modelo de distribución tamén ten consecuencias sobre o prezo do uniforme. Na actualidade, cun distribuidor exclusivo o prezo é, de media, entre un 12% e un 14% máis caro que cando coexisten varios distribuidores. A maioría dos centros restrinxen as opcións a disposición dos pais. Así, o 28% dos centros decántase por un único distribuidor, que pode ser o propio centro ou unha empresa allea a este.
Os centros educativos adoitan obter unha compensación do distribuidor exclusivo de entre o 10% e o 15% do prezo de venda ao público. Por conseguinte, segundo o informe, apréciase unha correlación entre o sobreprezo que supón a exclusividade e o beneficio que obtén o centro educativo, co que o custo da exclusividade trasládase ás familias.
Ademais, Francisco Hernández sinalou que cando as familias poden elixir, poden conseguir un desconto medio do 33% segundo a tenda á que vaian comprar o uniforme, polo tanto a competencia abarata os prezos, apuntou. Neste sentido, subliñou que os centros educativos que se decanten por un sistema deben adoptar unha serie de cautelas para evitar que a exclusividade resulte lesiva para os intereses das familias.
Entre as recomendacións do Consello Galego da Competencia, están a de seleccionar os distribuidores mediante procesos selectivos e con criterios obxectivos; os contratos deben ter unha duración curta, por regra xeral non superior a tres anos; o centro debe reservarse o dereito a fixar o prezo máximo de venda ao público; e débese informar ás familias de todas as decisións que se adopten en materia de uniformes, incluíndo o beneficio que obtén o colexio.
Metodoloxía
Para a elaboración do informe, o Consello Galego da Competencia realizou unha enquisa on line a todos os centros educativos de Galicia nos que se imparte educación infantil, primaria e secundaria, pertencentes ao ensino público, concertado e privado.
Así mesmo, durante a campaña de uniformes do curso 2014/2015, entre os meses de setembro, outubro e novembro, o Consello Galego da Competencia levou a cabo un estudo dos prezos dos uniformes escolares na cidade da Coruña, en colaboración co Instituto Galego de Consumo.
Sanxenxo volverá converterse este verán nun dos grandes referentes da música en directo en Galicia coa celebración da cuarta edición de Costa Feira, un evento que ofrecerá máis dunha decena de concertos e propostas musicais entre os meses de xullo e agosto no recinto do Polígono de Nantes. O ciclo arrancará o 24 de xullo con Wake Up! in Costa Feira e continuará o 28 de xullo e os días 4, 11 e 18 de agosto coa proposta Electrolatino, que reunirá artistas destacados neste xénero como Henry Méndez, Danny Romero, Jose de Rico, Anthony & Yeigo, Jay Santos, Marc Magán ou Mar Lucas.
Ponse en marcha a programación da 14ª edición de Cultura no Camiño, que este verán ofrecerá 316 espectáculos escénicos e concertos a cargo de 147 formacións artísticas en 87 concellos galegos situados nas diferentes rutas xacobeas. Trátase dunha proposta enmarcada na campaña Para gustos, cultura, que este ano chegará a 200 localidades con máis de 3.600 propostas. O calendario de Cultura no Camiño para este ano, que se abriu esta semana con paradas en Ribadumia, onde Marta Ortiz presentou Canta, Bugina, canta! na Escola Infantil, e en Miño coa proposta A maxia dos libros, do Mago da Boina e Nami, no Centro de Día, continuará hoxe de novo en Ribadumia con Donas do lugar, un espectáculo de narración oral a cargo de María da Pontragha.