Notas de prensa

A performance Atlas abre o Festival Escenas do cambio na Cidade da Cultura no Gaiás

Baixo a dirección artística de Pablo Fidalgo e promovido por Cultura e Educación, Escenas do cambio estréase cunha conferencia da coreógrafa Olga Mesa e dous grupos de reflexión para profesionais do sector, ademáis da performance Atlas, de Ana Borralho e Joao Galante, interpretada por un centro de cidadáns de Compostela.

Cen cidadáns de Compostela sen experiencia previa no teatro suben o mércores 4 de febreiro ao escenario do Museo Centro Gaiás para dar vida a unha gran performance que inaugurará ‘Escenas do cambio. Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción’. Baixo a dirección artística de Pablo Fidalgo e promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ‘Escenas do cambio’ prolongarase ata o 21 de febreiro na Cidade da Cultura coa implicación do público, a experimentación e novidosas linguaxes e formatos como sinais de identidade.

A política, o compromiso da arte, a realidade social ou a memoria individual, dos países e histórica serán algunhas das temáticas que ofreza un festival que ofrecerá dezasete espectáculos, catro conferencias-performances e varios grupos de reflexión que aborden diferentes aspectos, problemas e retos das artes escénicas.

Estrea con dúas producións lusas

Os artistas portugueses Ana Borralho e Joao Galante serán os encargados de estrear a Sala I do Museo Centro Gaiás subindo ao escenario a cen persoas de Santiago de Compostela sen experiencia previa no teatro.

Tras a convocatoria realizada pola Cidade da Cultura e unha semana de ensaios previos, os cen voluntarios darán corpo a partir das 20:30 horas a ese atlas da xeografía humana co que Borralho e Galante chaman á revolución silenciosa. Estreada en cidades como París, Rio de Janeiro, Milán ou Londres, ‘Atlas’ chega a Santiago para tecer un manifesto colectivo, dando voz a xente común e traballando con eles con paciencia, respecto e verdade.

Previamente, na Sala II, a tamén portuguesa Cláudia Dias, unha das performers máis importantes da última década, converterá a partir das 18:30 horas o Museo Centro Gaiás nunha praia con ‘Vontade de ter vontade’, onde reflexiona sobre identidade e territorio.

O primeiro día complétase coa primeira das conferencias que integran este festival, a impartida pola coreógrafa Olga Mesa baixo o título de ‘Principio de… Vocabulario en la frontera de la visión” e que terá lugar ás 17 horas na Aula Seminario do Gaiás con entrada de balde.

Xunto coa necesidade de ofrecerlle novas propostas ao público, ‘Escenas do cambio’ trata de ser un lugar de confluencia de profesionais do sector das artes escénicas. Por iso, conta con varios grupos de reflexión que serven de acompañamento a festival, e que terán lugar na primeira semana. Esta parte máis profesional do festival arrancará de mañá cun grupo de reflexión dedicado aos xestores culturais que estará dirixido por dous grandes da escena nacional: Olga Mesa e Xesús Ron. De forma paralela, ‘Escenas do cambio’ dedicará un espazo para novos artistas baixo a coordinación de Cláudia Dias e Idoia Zabaleta.

Entradas a 8 euros

As entradas para todas as funcións do festival están á venda no Punto On da Cidade da Cultura e www.servinova.com a un prezo de 8 euros, excepto as obras ‘El triunfo de la libertad’ de La Ribot, ‘Mis Documentos’ de Lola Arias e a actuación musical de Mónica de Nut, que son de balde. Para estas tres últimas será preciso retirar invitación no Museo Centro Gaiás a partir do 3 de febreiro, cun máximo de dúas entradas por persoa.

‘Escenas do cambio’ ofrece tamén unha oferta 4x3 (asiste a catro funcións e paga tres) por 24€. Esta última opción só está dispoñible a través do teléfono de servinova 902 504 500.

‘Escenas do cambio’, ao igual que todas as actividades do programa cultural da Cidade da Cultura, conta co patrocinio privado da Fundación Gaiás.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-02-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES