
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reforza a proxección exterior das curtametraxes galegas a través da súa participación, baixo a marca promocional Shorts from Galicia', na trixésima edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand (Francia). O audiovisual galego contará por primeira vez cun espazo de difusión propio na zona de mercado deste prestixioso encontro, que congregará a partir desta fin de semana máis de 3.000 profesionais procedentes duns 80 países.
Así, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad amplía ao ámbito das curtas o programa de internacionalización do sector que vén desenvolvendo a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). No marco desta liña de traballo, o audiovisual galego participa en diferentes feiras estratéxicas cara á procura de socios, compradores e distribuidores de todo o mundo, como o European Film Market de Berlín, que celebrará unha nova edición do 5 ao 13 de febreiro en paralelo á Berlinale, o mercado Ventana Sur de Bos Aires, e o Marché du Film, MIPTV e MIPCOM de Cannes.
Stand paraugas
Nesta edición, Shorts from Galicia disporá dun espazo propio como parte dun stand paraugas que comparte con outros organismos autonómicos e entidades de Madrid, Canarias, Cataluña, Estremadura e País Vasco, ademais de con varias das principais distribuidoras españolas no ámbito das curtametraxes. Con motivo desta primeira presenza institucional no mercado francés, a Agadic preparou unha nova edición do catálogo Shorts from Galicia para distribuírlles aos profesionais acreditados, entre os que se atopan representantes de produtoras, distribuidoras, televisións, festivais e axentes de vendas internacionais.
Do mesmo xeito que o festival que o acolle, o mercado de Clermont-Ferrand consolidouse nos últimos anos como a primeira plataforma internacional para a industria cinematográfica que se desenvolve arredor da produción de curtas, así como para impulsar as carreiras dos talentos emerxentes. Xunto coa actividade promocional e comercial, a feira acolle outra serie de actividades como showcases, conferencias, debates e o Euro Connection, un foro centrado na procura de coproducións a nivel europeo a través de sesións de pitching e reunións personalizadas.
Ser e voltar
Galicia tamén contará con representación no programa do festival da man de Xacio Baño e a súa fita Ser e voltar, que foi seleccionada para competir con outras 33 candidatas polo premio da sección Lab, destinada a aqueles traballos máis experimentais ou transgresores na súa busca dunha ollada diferente. Realizada co apoio da Consellería a través da axudas da Agadic para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual, este traballo de Xacio Baño continúa así o seu destacado percorrido internacional, no que sobresae igualmente a súa estrea na pasada edición de Festival de Cine de Locarno.
Outro director galego, Lois Patiño, formará parte do xurado desta Lab Competition de Clermont-Ferrand xunto ao realizador e produtor chinés Wang Bing e ao cantante, compositor e artista multimedia estadounidense Fredo Viola.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.