
Con motivo do Día da Ilustración, que se celebra o 30 de xaneiro, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa nas bibliotecas de xestión autonómica diversas actividades de balde para convidar a grandes e pequenos a festexar esta data. Obradoiros de banda deseñada, faladoiros con ilustradores, exposicións e mostras bibliográficas conforman as propostas que a partir de mañá e durante os próximos días ofrecerán a Biblioteca de Galicia, as bibliotecas públicas de Ourense e de Lugo, e as bibliotecas públicas Miguel González Garcés da Coruña, Ánxel Casal de Santiago de Compostela, Juan Compañel de Vigo e Antonio Odriozola de Pontevedra.
Os obradoiros de ilustración e de banda deseñada serán os protagonistas da programación. Na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, o ilustrador Xosé Tomás será o encargado de impartir a actividade Coñécete a través dos cadriños, que terá lugar o sábado 31 de xaneiro ás 12 horas. Neste obradoiro, os nenos e nenas de 6 a 12 anos aprenderán diversos recursos de expresións e técnicas da ilustración para crear personaxes baseadas no seu contorno e realizar as súas propias historias.
As mil caras da ilustración: faladoiro coa AGPI na Coruña
A biblioteca coruñesa tamén será o escenario do faladoiro As mil caras da ilustración: novos campos e soportes para o traballo ilustrado, que terá lugar o próximo venres 30 de xaneiro ás 19 horas. Nel, a presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), Marina Seoane, e os membros da entidade Alberto Guitián e Miguel Ruiz Sekone abordarán os múltiples soportes e posibilidades da ilustración hoxe en día, entre os que se inclúen o libro ilustrado para o público infantil e adulto, o cartelismo, os formatos dixitais, o audiovisual ou a roupa.
A charla irá precedida da que será a primeira presentación do Caderno AGPI 2015, unha publicación que acaba de editar a asociación ao abeiro do convenio de colaboración asinado en 2014 coa Secretaría Xeral de Cultura. O caderno, no que participan artistas como Almudena Aparicio, David Pintor, Anxo Fariña, Manel Cráneo, Emma Ríos, Noemí López, Óscar Villán e Santy Gutiérrez, ten como obxectivos amosar unha colección de bosquexos realizados por socios e socias da AGPI, así como convidar a debuxar e a encher os seus espazos en branco cos bosquexos e apuntamentos de cada un.
Obradoiros e mostras bibliográficas na capital galega
En Santiago de Compostela, a Biblioteca de Galicia acolle o sábado 31, de 17 a 19:30 horas, Xogando coa arte, un obradoiro no que rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos terán ocasión de coñecer os grandes autores da pintura a partir do libro Jan estivo alí, de Xosé A. Neira Cruz. A inscrición na actividade pode realizarse a través da páxina web da Cidade da Cultura de Galicia.
Xogando con Klee é o título, baixo o que se presenta o obradoiro de ilustración que acollerá a Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela, o xoves 29 de xaneiro ás 18:30 horas, no marco do programa de Voluntariado Cultural da Rede de Bibliotecas de Galicia. Nel, os nenos e nenas a partir de 4 anos terán ocasión de recrear, a través dun mural, un cadro do pintor Paul Klee. A inscrición para participar nesta actividade pode realizarse na propia biblioteca o no teléfono 881 999 401.
Ademais, a Ánxel Casal tamén ofrece, ata o sábado 31 de xaneiro, dúas mostras bibliográficas para conmemorar o Día da Ilustración: 129º aniversario do nacemento de Castelao e Ilustradores galegos.
Homenaxe a Castelao en Lugo
En Lugo, a biblioteca pública tamén convida a cidadanía a se achegar á vida e obra de Castelao a través dunha mostra bibliográfica que se poderá ver ata o 14 de febreiro. Ademais, o venres 30, ás 18 horas, convidará os máis novos a participar no obradoiro de ilustración Mundos de papel. Noemí López será a encargada de lles descubrir aos nenos e nenas de 4 a 12 anos enxeñosas técnicas para trasladar ao papel o imaxinario dunha historia. Para participar, cómpre inscribirse na sala infantil da biblioteca.
Actividades con Noemí López e Jacobo Fernández en Vigo
Noemí López tamén levará o seu obradoiro á Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo o próximo sábado 31 ás 12 horas. Xunto con esta actividade, a programación para celebrar o Día da Ilustración na Juan Compañel incluirá un obradoiro de banda deseñada a cargo da ilustradora María Villar, que terá lugar o mesmo día ás 12:30 horas, e que vai dirixido a nenos e nenas a partir de 6 anos. A inscrición para participar nas dúas actividades pode realizarse na propia biblioteca ou no teléfono 986 229 074.
Un encontro con Jacobo Fernández Serrano, o día 31 ás 12 horas, e unha exposición que reúne ata o 2 de febreiro as ilustracións máis representativas deste artista na súa obra Marcopola, a illa remeira completan as propostas da biblioteca viguesa.
As técnicas do cómic en Ourense
Tampouco faltarán os obradoiros na Biblioteca Pública de Ourense, onde os rapaces e rapazas maiores de 12 anos, e os adultos, terán ocasión de aprender as técnicas e recursos necesarios para a confección dun cómic da man de Yago García, o sábado 31 ás 11:30 horas. Ese mesmo día e á mesma hora, os nenos e nenas de 5 a 12 poderán traballar diversas técnicas actuais de ilustración (debuxo, colaxe, etc.) co grupo Garabatos, que impartirá o obradoiro Cores de inverno e ratos na biblioteca. A inscrición pode realizarse na propia biblioteca.
Para a difusión dos seus fondos de banda deseñada, a biblioteca de Ourense organiza a exposición Grandes ilustradores, que se poderá visitar ata o vindeiro 7 de febreiro.
Obradoiro de debuxo e contacontos en Pontevedra
A programación de actividades, coas que a Consellería de Cultura e Educación convida a celebrar o Día da Ilustración, complétase coas actividades da Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra, que o sábado 30, ás 18 horas, ofrecerá o obradoiro de debuxo e contacontos Periplo interestelar, unha homenaxe a Castelao a cargo de Polo Correo do Vento, para nenos e nenas a partir de 3 anos. A inscrición na actividade pode realizarse na biblioteca, no teléfono 986 850 838 ou a través de [email protected]/pontevedra.
Castelao tamén será o protagonista da mostra bibliográfica que se poderá visitar na biblioteca, xunto co centro de interese Ilustradores premiados co Andersen, ata o vindeiro 14 de febreiro. Finalmente, cos préstamos efectuados o día 30 de xaneiro, a biblioteca repartirá cómics na sala de adultos e marcapáxinas na sala de infantil.
O Día da Ilustración na Axenda de Cultura
A programación de actividades que durante esta semana ofrecen as bibliotecas xestionadas pola Consellería de Cultura para celebrar o Día da Ilustración pode consultarse na Axenda de Cultura, en https://cultura.xunta.es/gl/axenda. Esta data é unha das conmemoracións que se inclúen no Calendario do Libro e da Lectura 2015, que está tamén accesible na páxina web cultura.gal.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.