A Deputación de Ourense organizou no Centro Cultural "Marcos Valcárcel un seminario sobre Plans de acción de enerxía sostible nos gobernos locais, no que se deron cita alcaldes e técnicos municipais da provincia de Ourense co obxectivo de analizar iniciativas de aforro enerxético e xestión da enerxía. A iniciativa forma parte do Programa Enerxía Intelixente-Europa, cuxa finalidade é o apoio ás autoridades locais no desenvolvemento integrado dos plans de acción de Enerxía Sostible (PAES) con sistemas de xestión enerxética segundo a norma ISO 50001.
A Deputación de Ourense forma parte dun amplo consorcio que abrangue a diferentes entidades locais, asociacións de concellos, asociacións internacionais e axencias de enerxía de nove países da Unión Europea: España, Italia, Bulgaria, Francia, Alemaña, Grecia, Letonia, Polonia, Rumanía.
Preténdese con este proxecto integrar un sistema de xestión da enerxía dentro dos plans de enerxía sostible de varios concellos da provincia de Ourense coa axuda de estruturas de apoio e poñer a disposición ferramentas para garantir a institucionalización de políticas enerxéticas sostibles. Os beneficios que se obteñen ao implementar a Norma ISO 50001 nos concellos e consumidores son o aforro de enerxía a curto, medio e longo prazo e o compromiso cun consumo enerxético sostible.
Nesta liña de eficiencia enerxética, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentoulle en decembro pasado en Bruxelas ao comisario de Enerxía e Clima da Comisión Europea, Miguel Arias Cañete, á iniciativa que porá en marcha na provincia de Ourense, destinando inicialmente para a súa creación un orzamento de 512.000 euros no exercicio de 2015: a Axencia Provincial da Enerxía e do Medio Ambiente, un organismo que terá como obxectivo dar servizo aos pequenos e medianos concellos no que atinxe ao subministro de equipamento e aforro e eficiencia enerxética.
Este modelo, a modo de central de compras enerxética, podería ser perfectamente exportable aos gobernos intermedios da Unión Europea e o seu traballo en rede posibilitaría -segundo lle explicou Manuel Baltar a Arias Cañete- un considerable aforro para os gobernos locais europeos á hora de negociar tarifas eléctricas e subministracións e na realización de infraestruturas enerxéticas, así como na eficiencia e na prestación de servizos aos cidadáns. Miguel Arias Cañete avalou a idoneidade do proxecto afirmando que encaixa perfectamente nas liñas de acción prioritarias da UE dentro dos ámbitos da enerxía, o medio ambiente e a sostibilidade
Na xornada de hoxe analizáronse temas como o gasto enerxético, as ferramentas para a xestión eficiente da enerxía na Administración Pública, a monitorización de edificios e alumeados públicos en gobernos locais, e as redes de calor, modelo de eficiencia enerxética en gobernos locais.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.