Notas de prensa

Turismo de Galicia traballa para converter a Comunidade nun destino intelixente

A aposta de Turismo de Galicia pola tecnoloxía e a innovación está presente en numerosas liñas de acción como a posta en marcha do Plan Smart Turismo, o desenvolvemento do proxecto Smart Camiño, ou o impulso na creación de destinos intelixentes.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu á xornada "Smart Destination: craves para a competitividade turística" celebrada no Colexio de Arquitectos de Madrid que abordou o uso e aplicación das tecnoloxías no sector.

Durante a inauguración da xornada, o ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria, deu a coñecer os avances no proxecto piloto 'Destinos Turísticos Intelixentes' (DIT) que, desenvolvido pola Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (SEGITTUR), é un dos programas do Plan Nacional e Integral de Turismo (PNIT) 2012-2015.

O obxectivo do proxecto é impulsar a innovación nos destinos co despregamento e desenvolvemento das TIC e a participación de empresas españolas en proxectos turísticos do mundo.

Santiago de Compostela é unha das zonas turísticas adheridas a este programa 'Destinos Turísticos Intelixentes' xunto a outras como a Praia de Palma (Baleares), as illas de El Hierro e La Gomera (Canarias), Casteldefels (Cataluña), Haro (A Rioja), Jaca (Aragón) ou Axarquía (Andalucía).

Galicia, un Destino Turístico Intelixente

A estratexia de Galicia para converterse nun Destino Turístico Intelixente pasa pola revalorización do destino, o que permitirá aumentar a súa competitividade mediante un mellor aproveitamento dos seus atractivos naturais e culturais, a creación doutros recursos innovadores, a mellora na eficiencia dos procesos de produción e distribución que impulse o desenvolvemento sostible e facilite a interacción co visitante.

O Plan Integral de Turismo de Galicia centra unha das súas liñas estratéxicas no fomento do talento e o aproveitamento das novas tecnoloxías para acadar un sector competitivo e un destino intelixente.

Así, Turismo de Galicia traballa no impulso de melloras na xestión e na innovación do sector. Neste senso, Turismo de Galicia, xunto coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), puxo en marcha o Plan Smart Turismo para impulsar a modernización e a competitividade do sector a través das TIC.

Este Plan, que conta cun investimento de 10 millóns de euros ata 2020, abarca o desenvolvemento de catro eixos prioritarios: modernizar as infraestruturas tecnolóxicas do turismo de Galicia; aproveitar as tecnoloxías para a promoción, a comercialización e a fidelización dos viaxeiros; fomentar a innovación no sector; e potenciar o Camiño de Santiago.

Un dos elementos clave do Plan Smart Turismo é a creación do Smart Camiño. Unha actuación que consolidará o Camiño de Santiago nun recurso intelixente e sostible a través da aplicación da innovación e a tecnoloxía.

Con esta acción conseguirase un Camiño accesible para todos, mellorando as súas infraestruturas, mellorando a colaboración e aproveitamento de sinerxías entre todos os axentes implicados, contribuíndo á mellora dos recursos patrimoniais e impulsando a aplicación das TIC.

Ademais grazas ao convenio de colaboración entre o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo e a Xunta de Galicia, o proxecto conta coa app “Camiño de Santiago en Galicia”.

A dita app, desenvolvida por SEGITTUR, xeolocaliza ao usuario e permítelle seguir o trazado de cada etapa e ir obtendo información útil dos distintos albergues públicos e privados, monumentos e recursos turísticos máis destacados. Toda a información pode ser situada sobre o mapa con exactitude e está complementada con recursos multimedia como fotografías ou vídeos.

Co obxectivo de facilitar a interacción cos peregrinos, a app permite ademais compartir contidos en redes sociais e valorar os recursos recollidos nesta mediante un sistema de check-in e puntuación con estrelas.

O usuario tamén pode buscar información na app por poboación, recibir información puntual de eventos na zona e obter información do tempo, o que se complementa con outras ferramentas puntuais como compás ou lanterna.

Así mesmo, a app facilita información moi valiosa sobre os seus usuarios e o uso que lle dan a mesma. Grazas a dita aplicación podemos coñecer por exemplo os países dende onde se realizan máis descargas.

De igual xeito, a aposta de Turismo de Galicia pola tecnoloxía e a innovación está presente tamén noutras liñas de acción como, a actualización do Rexistro de Establecementos de Actividades Turísticas (REAT), o impulso á creación de destinos intelixentes, Smart Destinations, da provincia de Pontevedra ou o apoio ao desenvolvemento da Smart City en A Coruña.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-01-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES