Notas de prensa

A Deputación provincial impulsa a actividade do tecido empresarial lucense

A institución provincial vén de aprobar en Xunta de Goberno un convenio de colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) por importe de 60.000 euros e súmase aos asinados coa Asociación de Mulleres Empresarias da provincia de Lugo (AELU) ou coa Asociación de Autónomos de Galicia (AUGA).

A Deputación de Lugo vén de aprobar, na Xunta de Goberno, un convenio coa Confederación de Empresarios da provincia de Lugo (CEL), co que a institución provincial fai unha achega de 60.000 euros para impulsar a actividade do tecido empresarial lucense.

Dito convenio foi presentado hoxe polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o conselleiro delegado da Confederación, Jesús García Quintá nun acto celebrado na sede da Confederación de Empresarios no que Gómez Besteiro destacou que “esta colaboración responde ás políticas de apoio ás empresas por parte da Deputación nos últimos anos e, en especial ás pequenas e medianas empresas, as máis numerosas na provincia e en toda Galicia”. De feito, supoñen máis do 95% do tecido empresarial lucense.

Gómez Besteiro destacou as dificultades as que se enfronta o tecido empresarial no país, como o feito de que das últimas 27 subas de impostos establecidas polos Goberno central, 13 delas están a ser soportadas directamente polas empresas, ao que engadiu, no caso concreto da provincia de Lugo, a escaseza de inversións claves en infraestruturas e servizos por parte dos Gobernos central e autonómico, tal e como tamén denunciaron os propios empresarios lucenses.

O conselleiro delegado da CEL, Jesús Quintá, destacou pola súa banda que o acordo permitirá á CEL "seguir desenvolvendo o seu traballo fundamental, que é o de atención ás pequenas e medianas empresas da provincia de Lugo, máis necesario que nunca dada a situación de crise que levan soportando desde fai máis de cinco anos e que, aínda que parece que empeza a remitir, suporá aínda polo menos dous anos máis de dificultades”. Subliñou na mesma liña a “importancia de pemes e microempresas para a provincia de Lugo, onde son maioritarias”, pois supoñen máis do 95% do seu tecido empresarial, e do “desenvolvemento de accións para o fomento da súa internacionalización”.

Apoio a empresa e creación de emprego

O Presidente destacou as políticas de apoio da Deputación ao tecido empresarial emprendidas nos últimos anos, “en materia tecnolóxica; as dirixidas a mellorar o financiamento”, que cumpren, ademais, o obxectivo de “ofrecer solucións aos máis de 25.000 desempregados da nosa provincia”. Gómez Besteiro destacou a máis recente destas medidas, o plan BEN EMPREGADO!, unha iniciativa coa que o organismo provincial destina 5 millóns de euros de fondos propios para asumir na súa totalidade os custes salariais e de Seguridade Social para a contratación durante 1 ano de desempregados lucenses en establecementos, empresas ou colectivos da provincia que necesiten novo persoal para impulsar a súa actividade, pero que requeren de axuda económica para poder contratalo neste momento. Deste xeito, “iremos directamente ás empresas para saber cales son as súas necesidades e adaptar á oferta á demanda”, con vistas a xerar emprego tamén a longo prazo.

Actividade da CEL

A CEL atende unha media de máis de 5.500 consultas ao ano só das súas empresas asociadas, a través dos seus servizos de asesoramento xurídico, laboral, fiscal, de comercio exterior e comunicación ou administrativos. A maiores, asesora cada ano a unha media de 200 proxectos empresariais promovidos por emprendedores lucenses en colaboración coa Fundación CEL.

Esta última entidade conta cun centro de iniciativas empresariais para incubación que vén de ser cualificado por FUNCAS (Fundación de Caixas de Aforro) como o 13º mellor de España, dos máis de 350 analizados. Este posicionamento é mellor se se atende a criterios concretos como “incubación básica” (6º mellor de España) ou “difusión do espíritu de empresa” (8º mellor de España). A Confederación de Empresarios de Lugo desenvolve, así mesmo, labores de orientación laboral a desempregados e de formación.

Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo, 2014-12-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES