
A Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, levou a Ourense a súa campaña Galicia Calidade en ruta, que está a percorrer as sete cidades galegas con demostracións, talleres e showcookings para achegar a profesionais e consumidores a excelencia dos seus produtos gastronómicos.
No acto de inauguración, no que estivo tamén presente o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, o director xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, defendeu que esta marca é o mellor pasaporte das empresas galegas para acceder aos mercados internacionais, xa que representa o ADN galego dos produtos e servizos e o compromiso coa calidade.
Desde xeito, tal e como subliñou Alfonso Cabaleiro, a campaña Galicia Calidade en ruta aposta pola calidade como o mellor xeito de acceder aos mercados máis competitivos e esixentes, xa que a marca representa o compromiso das empresas galegas co esforzo por ofrecer os mellores produtos e servizos; e o uso das mellores prácticas para a produción, elaboración e comercialización dos produtos.
Pola súa banda, Rogelio Martínez apuntou que cada vez son máis os consumidores que buscan produtos amparados polo certificado de garantía galego xa que recoñecen nel confianza, prestixio e calidade
A acción está enfocada aos profesionais do sector da gastronomía (hostalaría, restauración e retail), consumidores e prescritores, co obxectivo de poñer en valor os produtos do sector alimentario certificados por Galicia Calidade.
Galicia Calidade en ruta consiste nun roadshow no interior dun camión adaptado que, ademais de en Ourense, estará en Pontevedra (6 de decembro), Lugo (9), Vigo (12 e 13), Ferrol (16) e A Coruña (19 e 20), e no que se realizarán diversos showcookings, catas de viños e degustacións de produtos amparados por Galicia Calidade. A iniciativa xa arrincou o pasado venres en Santiago de Compostela.
En Ourense, dentro do camión situado na Praza Maior, desenvólvense dúas accións diferentes. A primeira delas, denominada "Esencial", consiste nunha degustación de "bocados de Galicia Calidade", elaborados pola chef Marián Rodríguez, e que ofrece unha ampla mostra da versatilidade e excelencia dos produtos.
A segunda, denominada "De viños Galicia Calidade", consiste nunha maridaxe dos viños amparados por este selo con outros produtos como os xamóns, embutidos ou queixos, baixo a dirección da enóloga Cristina Murga.
A campaña Galicia Calidade en ruta, enmárcase na estratexia de reforzo de Galicia Calidade, que cumprirá 20 anos en 2015, e é unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que conta con máis de 250 produtos certificados, de 51 empresas diferentes. Entre as empresas que contan con esta distinción figuran varias da provincia de Ourense como Coren, Aguas de Cabreiroá, Bodegas Nairoa, Bodegas Ruchel Gargalo, Patatas Conde ou Quinta do Buble.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.