Notas de prensa

A Xunta defende que Galicia Calidade é “o mellor pasaporte” para as empresas porque representa o “ADN galego e o compromiso coa calidade”

A presidenta de Galicia Calidade, Sol Vázquez Abeal, defendeu hoxe que a marca Galicia Calidade é “o mellor pasaporte” das empresas galegas, xa que representa o “ADN galego dos produtos e servizos e o compromiso coa calidade”. Esta nova estratexia pretende conseguir que “pouco a pouco, os consumidores e usuarios identifiquen que Galicia é igual a Calidade”, xa que esta aposta “é o mellor xeito de acceder aos mercados máis competitivos e esixentes”.

No acto de inauguración da campaña Galicia Calidade, en ruta, Vázquez Abeal subliñou que a marca representa “o compromiso das empresas galegas” co esforzo por ofrecer os mellores produtos e servizos; a “honestidade” no uso das mellores prácticas para a produción, elaboración e comercialización dos produtos; e o “esforzo de superación dos traballadores e empresas galegas” para ser competitivos nos mercados máis esixentes. “É una maneira de facer galega, que xera confianza nos consumidores”, engadiu.

Ademais, engadiu que Galicia Calidade está a traballar para a incorporación doutros sectores estratéxicos da economía galega, como o sector da madeira, o turismo, as plantas ornamentais, balnearios, granito, xeotermia ou a biomasa. E sinalou que se están a iniciar os contactos con outros sectores para sumar máis empresas, porque cantos máis produtos e servizos certificados, “maior é a eficacia da estratexia de promoción e obtense máis retorno para o conxunto da economía galega”. “Xuntos somos máis fortes e pódese competir fronte a outros selos con obxectivos idénticos”, apuntou.

Xerar valor engadido

Pola súa banda, o director xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, explicou que a iniciativa Galicia Calidade, en ruta busca contribuír a “xerar valor engadido aos produtos e servizos desenvolvidos en Galicia, mediante a certificación de calidade que é o que transmite confianza e seguridade aos consumidores”.

Segundo dixo, esta acción de promoción está enfocada aos profesionais e prescriptores de opinión (aínda que tamén participará o público en xeral) co obxectivo de “poñer en valor os produtos do sector alimentario certificados por Galicia Calidade. “Facémolo primeiro en Galicia, porque ás veces non valoramos o que temos”, engadiu.

En Ruta

A campaña Galicia Calidade, en ruta, consiste nun roadshow no interior dun camión adaptado, que percorrerá as cidades de Santiago de Compostela (28 e 29 de novembro), Ourense (2 de decembro), Pontevedra (6 de decembro), Lugo (9), Vigo (12 e 13), Ferrol (16) e A Coruña (19 e 20), e no que se realizarán diversos showcookings, catas de viños e degustacións de produtos amparados por Galicia Calidade.

A iniciativa está destinada a profesionais do sector da gastronomía (hostalaría, restauración e retail), consumidores e prescriptores, para promover as virtudes dos produtos certificados pola marca de garantía.

Nas sete cidades galegas desenvolveranse dúas accións diferentes. A primeira delas, denominada "Esencial", consiste nunha degustación de "bocados de Galicia Calidade", elaborados polos chefs Marián Rodríguez e Iván Méndez e que ofrecerá unha ampla mostra da versatilidade e excelencia dos produtos. A segunda, denominada "De viños Galicia Calidade", consiste nunha maridaxe dos viños amparados por este selo con outros produtos como os xamóns, embutidos ou queixos, baixo a dirección de prestixiosos sumilleres como Xoan Cannas.

Nas cidades de Santiago, Vigo e A Coruña tamén se realizarán dúas accións máis en cada unha delas, con especial atención aos almorzos e ás conservas. Así, o "Almorzo Galicia Calidade" ofrecerá a combinación dun almorzo de calidade con café, leite, froitas, doces e outros produtos, baixo a direción do coñecido barista Oscar de Toro. A mostra "A Lata de Galicia Calidade" pretende destacar o valor e a versatilidade das conservas amparadas por este selo e o seu desenvolvemento en receitas gastronómicas.

A campaña Galicia Calidade en ruta enmárcase na estratexia de reforzo de Galicia Calidade, que cumprirá 20 anos en 2015, unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que conta con máis de 250 produtos certificados, de 51 empresas diferentes.

Xunta de Galicia, 2014-11-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES