
Turismo de Galicia está a promocionar en Londres, ata o 6 de novembro, a oferta turística galega dentro da feira World Travel Market (WTM), a feira turística máis importante do mercado británico e un dos certames de turismo máis importantes do mundo.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora de promoción, Carmen Pita, viaxaron a Londres para manter encontros cos profesionais do sector e difundir a oferta turística de Galicia e o Camiño de Santiago. Turismo de Galicia insistirá na promoción dos valores da marca do turismo galego e os seus principais produtos turísticos co obxectivo de afianzar a chegada de turistas británicos á nosa comunidade. Ademais, potenciaranse as relacións entre os empresarios turísticos de Galicia e os operadores británicos e do resto do mundo presentes neste certame.
No marco de dita feira, Turismo de Galicia promoveu unha misión comercial na que están a participar 16 empresarios hostaleiros galegos. Así, viaxaron tamén á capital británica, para promocionar os seus produtos e servizos e contactar cos principais operadores turísticos británicos, os asociados ao Clúster de Turismo de Galicia acompañados polo seu presidente, Francisco González, e representantes do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, da Federación Galega de Turismo Rural, do Grupo Costas Galicia, da Asociación de Empresarios de Hospedaxe da Coruña (HOSPECO), da Asociación de Turismo Rural Agarimo, da empresa Ababides Servicios, da Fundación Semana Verde de Galicia, de Carrís Hoteles, de Palexco e dos hoteis San Lorenzo e Gran Hotel La Toja.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia (CTG), Francisco González, puideron presentar hoxe o proxecto do CTG ao Ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria, nun encontro que mantiveron esta mañá no marco da WTM. Do mesmo modo, a secretaria de Estado de Turismo, Mª Isabel Borrego, tamén puido coñecer de primeira man a proposta de traballo do Clúster. Ambos os dous mandatarios mostráronse moi interesados no proxecto, que permite que, por vez primeira, o sector turístico en Galicia se presente nos foros internacionais cunha voz única.
A World Travel Market é un dos eventos turísticos máis importantes do mundo, xunto coa Bolsa Internacional de Turismo (ITB) de Berlín (Alemaña) e a Feira Internacional de Turismo (Fitur) de Madrid. A pasada edición reuniu máis de 131.000 visitantes, un 5% máis que en 2012, cun incremento do 4% na participación de medios internacionais e do 2% no número de expositores.
Mercado británico
No que vai de ano visitaron Galicia un total de 46.154 turistas británicos, o que supón un incremento do 2,9% con respecto ao mesmo período de 2013.
O mercado británico supuxo, nestes primeiros nove meses, o 6,5 por cento de todos os turistas estranxeiros que visitaron Galicia, o que implica que o inglés sexa o sexto mercado internacional máis importante para a comunidade galega despois de Portugal, Alemaña, Francia, Italia e EE.UU.
No tocante á cifra de peregrinos, no que vai de ano, recolleron a Compostela na Oficina do Peregrino de Santiago un total de 4.280 peregrinos británicos, o que sitúa ao mercado británico como o oitavo mercado estranxeiro que máis peregrinos proporcionou ao longo deste 2014.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.