Turismo de Galicia presenta a oferta turística de Galicia relacionada co turismo de reunións no evento TTG Incontri que se celebra ata o día 11 de outubro na cidade italiana de Rímini.
Durante a súa participación neste Salón Internacional de Turismo, que cada ano presenta as novidades do mercado aos profesionais do sector, Galicia promoverase como destino turístico para a organización de congresos, convencións e viaxes de incentivo ante os operadores turísticos italianos especializados nesta modalidade turística.
Representantes de Turismo de Galicia manterán xuntanzas cos operadores turísticos especializados en turismo de reunións máis importantes de Italia e achegarán información turística da Comunidade galega no punto de información habilitado para Galicia.
Infraestrutura galega
O turismo de reunións en Galicia experimentou un notable desenvolvemento durante os últimos anos, debido, en parte, ao incremento e mellora da infraestruturas precisas para a organización de congresos, convencións e viaxes de incentivo.
O incremento das prazas hoteleiras, a creación de pazos de congresos, a apertura de instalacións especiais para celebrar eventos e a aparición de empresas especializadas, son os factores máis salientables dentro do desenvolvemento desta modalidade turística en Galicia.
Galicia conta con tres pazos de congresos nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e outras instalacións susceptibles de acoller eventos no resto das cidades galegas.
Ademais, a Comunidade galega conta con outras contornas que posibilitan a organización de todo tipo de reunións.
Nestes lugares pódense atopar aqueles atributos que teñen posibilitado o desenvolvemento turístico galego, como son a gastronomía, a paisaxe e o patrimonio artístico. Estes atractivos, unidos ás infraestruturas hoteleiras e de servizos, converten a Galicia nun destino ideal para a organización de reunións e eventos.
Turismo italiano
Nos oito primeiros meses do ano, un total de 80.994 italianos visitaron Galicia, o que supuxo que se rexistrasen 116.064 pernoitas de turistas procedentes de Italia en establecementos hoteleiros galegos. Deste xeito o mercado italiano supuxo para Galicia neste período o 12,3% do total de turistas rexistrados.
Estes datos supoñen un incremento do 26,7% no número de turistas italianos que visitaron Galicia os oito primeiros meses de 2014 en relación ao mesmo período de 2013.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.