A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciou no Centro Coreográfico Galego (CCG) a execución das residencias artísticas de danza previstas para este ano cun traballo de investigación de movementos sobre o que se asentará Hibridology, unha das tres pezas seleccionadas no marco deste programa de apoio aos creadores.
Xunto aos títulos Trump! e Solipismo, Hibridology, presentada polo dúo de bailaríns que integran Martina Martínez Barjacoba e Ares DAngelo, foi escollida a través dunha convocatoria pública para abrir o seu proceso de desenvolvemento no espazo de traballo do CCG e co seu apoio loxístico.
O proxecto, que conta coa colaboración do Teatro Ensalle de Vigo, do Centro Coreográfico de La Gomera e de varias entidades internacionais entre elas, o Laboratorio de Artes Contemporáneas de Bruxelas forma parte dun plan de coordinación de residencias artísticas entre España, Italia e Bélxica, tanto para a investigación desta peza concreta como para establecer redes de contacto e de traballo entre os tres países participantes.
Durante a súa estadía na Coruña, os dous intérpretes traballaron sobre o concepto de exploración da convivencia física nun espazo escénico entre dous individuos en busca do éxito na súa propia, descubrindo tamén así a fraxilidade do ser humano e o sentimento de inferioridade diante de situacións críticas. Tamén indagaron sobre o comportamento mecánico do corpo dentro dunha colectividade e os seus movementos inconscientes e repetitivos que cada día se realizan sen que cadaquén se decate.
Asesoramento artístico e técnico
A finalidade do programa de residencias artísticas é a de lles achegar aos artistas individuais ou colectivos un espazo para o desenvolvemento dos seus proxectos de investigación, experimentación, creación e produción. Ademais de contar coas instalacións facilitadas pola compañía pública de danza, os proxectos escollidos disporán de apoio loxístico e de asesoramento tanto a nivel artístico como en relación cos procesos de montaxe e distribución. O acordo contempla tamén a presentación e/ou exhibición no Centro Coreográfico Galego do resultado final dos traballos.
Para a elección dos proxectos tívose en conta o seu carácter innovador, a súa incidencia na creación de redes de colaboración interdisciplinaria e a súa capacidade de achegamento á cidadanía mediante estratexias de participación e creación de públicos. Tamén se valorou a traxectoria e as actividades previas desenvolvidas polos solicitantes, así como a calidade, coherencia e viabilidade das iniciativas presentadas de acordo co seu calendario de execución e o equipo humano implicado.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.